quarta-feira, fevereiro 28, 2007

O LEONESISMO CUESTIONA O ENSINO DO GALEGO N´O BIERZO

CUESTIONAN O ENSINO DO GALEGO N´O BIERZO
DENDE O LEONESISMO CULTURAL.
falaceibe@yahoo.es

A Asociación Cultural Fala Ceibe d´O Bierzo (www.ciberirmandade.org/falaceive) denuncia un novo ataque do leonesismo cultural cara ao ensino do galego n´O Bierzo. Segundo información de Diario de León, de 20 de febreiro de 2007, dúas organizaciois culturais leonesistas, a saber, Amigos del Patrimonio e Proidentidad Leonesa, aproveitaron a súa carta-queixa ante o Procurador do Común de Castela e León -figura semellante ao Valedor do Pobo Galego- para criticar aspectos relacionados co ensino do galego n´O Bierzo. O dito artigo xornalístico indica que estes colectivos criticaron que no currículo da materia de idioma galego aparezan os seguintes obxectivos escolares: "Identificación e interpretación de rasgos culturais pola lingua galega e a cultura castelá" ou "Comparación entre elementos sociais e culturais transmitidos pola lingua galega e maila cultura castelá". Estes grupos leonesistas rexeitan que se oculte a existencia da cultura leonesa entre eses obxectivos, ademais que se pretenda non só ensinar a lingua galega n´O Bierzo senón que tamén que se fale de "rasgos culturais" ou "elementos sociais e culturais" tansmitidos pola lingua galega. No fondo estes grupos leonesistas temen que se galeguice O Bierzo co pretexto do ensino do idioma galego. Por suposto non queren recoñecer que O Bierzo occidental comparte con Galiza a mesma historia, cultura, tradiciois e lingua dende a Idade Media ata a actualidade.

As críticas do leonesismo contra o ensino do galego xa veñen de longo no tempo. Lembramos cando no 1994 arremeteron contra a Junta de Castela e León por mor das subvenciois ás Casas de León da emigración. Pois ben, aproveitaron a ocasión para atacar á vez os intentos por executar o ensino do galego n´O Bierzo. Nesta dinámica antigalega o Presidente da Casa de León en Madrid, Conde de Gaviria, declarou daquela que "andan intentando separar a O Bierzo". Máis tarde, ante o recoñecemento parcial do galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León (1999), o Secretario de Conceyu Xoven -mocidade política vencellada ao Partido Unión del Pueblo Leonés (UPL)-, Abel Pardo, declarou falsidades contra o noso idioma, concretamente sobre "o expansionismo galleguista" e "a obrigatoriedade" da materia de galego (semanario Bierzo 7, maio de 1999). O leonesismo político reaccionou irado contra o galego ante a súa incapacidade para lograr o mesmo recoñecemento para o lionés. Outro exemplo máis, a proposta do Presidente do Consello Comarcal, de incluír a referencia ao galego no articulado da reforma da Lei que creou a Comarca d´O Bierzo, foi obxecto dunha campaña antigalega por parte dos grupos leonesistas (maio de 2005).

O leonesismo primeiro denunciou que o ensino do galego supoñía a colonización cunha lingua allea, porque o que se usaba n´O Bierzo era unha fala lionesa, berciano-lionesa ou galego-lionesa, que formaba parte esencial do dominio idiomático ástur-lionés. Despois alegaron que se trataba de impoñer un galego padrón, "de Santiago de Compostela", negando así o dereito dos galego-bercianos a normativizar a nosa lingua propia, co resto de falantes galegos do noroeste peninsular. Logo teimaron en que non se respectaba no ensino actual do galego o dialectismo galego-berciano, ignorando que as investigaciois filolóxicas xa recoñecían a peculiaridade do galego d´O Bierzo (ver Fernández Rei, Francisco: Dialectoloxía da Lingua Galega, Xerais, 1990, que traza os lindeiros entre as falas galegas da península ibérica). Por suposto, tanto o leonesismo cultural coma o político reclaman a plena normalización da súa lingua ástur-lionesa, incluso coa declaración de oficialidade, pero negan este dereito para o idioma galego d´O Bierzo.

O dito Procurador do Común de Castela e León respostou ante esas queixas das organizaciois leonesas, pola falta de ensino regrado do lionés na actualidade, que o problema está en que ningún centro pide o estudo desa lingua. Dende logo esta anomalía idiomática nada ten que ver coa situación da aprendizaxe do galego n´O Bierzo. O ensino desta materia medra paseniño con cada novo curso académico, en número de alunado, nos niveis escolares, nos centros afectados e na extensión territorial, en todo o occidente rexional. A isto habería que engadir os centros que ofertan clases de portugués no oriente berciano, curiosamente a área de tradición lingüística lionesa. O estudo do portugués fai este idioma máis coñecido e respectado n´O Bierzo, algo que prestixia indirectamente tamén ao galego polas súas semellanzas, e fomenta un maior coñecemento de ámbalas dúas linguas irmás entre a poboación.

Ponferrada, febreiro de 2007.

sábado, fevereiro 03, 2007

Un estudo sobre a situación xurídica do galego no Bierzo e no Eo-Navia gaña o certame sobre Dereitos Civís en Galiza

O concurso foi convocado polo Movemento polos Dereitos Civís en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galiza

Tal e como adianta a páxina web do Movemento polos Dereitos Civís -www.movemento.org -, o gañador do certame “Dereitos Civís en Galiza” é un estudo sobre o status quo dos dereitos lingüísticos das comarcas galegófonas situadas administrativamente fóra da Comunidade Autónoma de Galiza.

O traballo, que pode descargarse desde a mencionada páxina, leva por título “Dereitos lingüísticos na Faixa Oriental” e foi elaborado por Carlos Bello Stout. Integrante da asociación Fala Ceibe do Bierzo, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago coas especialidades de dereito público e dereito privado; e na actualidade cursa na USC un posgrao en Dereito Tributario así como o segundo ciclo da licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración. O premio está dotado cunha cantidade en metálico correspondente á contía da súa matrícula universitaria.

O autor galardoado fai unha introdución histórica da problemática e a analiza desde unha óptica xurídica no ámbito da lexislación internacional, estatal e autonómica, así como das diversas iniciativas que se teñen producido a nivel local. Fai un estudo comparativo das solucións empregadas para situacións paralelas noutros lugares do estado e aporta conclusións e propostas de actuación concretas. Entre estas últimas é de destacar a urxente necesidade de evitar que a reforma do Estatuto de Autonomía de Castilla y León se aprobe co texto actualmente proposto e en trámite no Congreso dos Deputados, para evitar deixar ao galego nunha situación de inferioridade legal a respecto do leonés. Tamén apunta a necesidade de introducir a mención á protección do galego nunha futura reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias. Denuncia o autor que algunhas das medidas máis útiles xa foran aprobadas por unanimidade do Parlamento Galego no Plano Xeral de Normalización Lingüística, e non foron aínda executadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Incide na necesidade de colaboración da Administración galega coas entidades cidadás que a día de hoxe traballan nas comarcas orientais sen axuda pública de ningún tipo.

O acto público de entrega do premio terá lugar nas vindeiras semanas e será anunciado proximamente polos organizadores.

Fala Ceibe do Bierzo quere dar os parabéns ao galardoado e congratúlase de que o premio recaese nun estudo que con certeza será útil para dar novos e necesarios pulos e publicidade ao galeguismo no Bierzo.

quinta-feira, fevereiro 01, 2007

OS NOMES DOS CONCELLOS BERCIANOS.

OS NOMES DOS CONCELLOS BERCIANOS,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

O ano 2007 comeza coa delegación da materia de alteración do nome e troco de capitalidade dos concellos por parte da Junta de Castela e León na Comarca d´O Bierzo. Resulta lóxico que o Consello berciano, no que están representados todos os concellos, asuma parte das funciois relacionadas coas as administraciois locais da nosa rexión que ata agora son competencias das instituciois superiores. Baseamos esta demanda na cercanía entre as nosas administraciois (comarca, concellos e pedanías), o que permite un trato directo e unha máis estreita cooperación, e en que comparten o mesmo espazo territorial e poboación.

A importancia da xestión desta dita materia delegada deriva de que agora os bercianos poderemos fixar os nomes dos nosos concellos raxando cun pasado de imposiciois lingüísticas. N´O Bierzo existen varios idiomas dende a Idade Media, castelao, ástur-leonés e galego. Sendo tamén certo que a lingua ástur-leonesa se asentaba secularmente no oriente da nosa rexión, mentres que o galego fai o mesmo no occidente. Estes dous idiomas, a pesar da súa comentada vinculación territorial, foron obxecto de minorización continuada por mor da progresiva imposición política do castelao. Como aquelas linguas non posuían recoñecemento legal pois non eran tidas en conta polas instituciois.

Esta situación discriminatoria para os idiomas rexionais non sempre foi así. Como ben podemos constatar na documentación dos nosos mosteiros bercianos, o galego e mailo ástur-leonés tiveron un uso social e institucional normal durante a Idade Media. Por iso atopamos neses papeis antigos nomes de vilas e lugares como: Curillón, Valboa, S. Pedro de Devesas, Quilous, Toural, Teixeda, Canteyxeyra, Cobellos, A Veiga, Fabeiro, Vila de Paos, etc ou de comarcas: Valcarce, Cabreyra, Berizo, Aguiar, Fornela, Cornatelo, etc. Seguro que todos podemos identificar sen dificultade estas denominaciois con localizaciois actuais do noso mapa rexional d´O Bierzo. Estes nomes existen aínda na lingua galega e con outros moitos, os que forman parte da toponimia menor, denominaciois de montes (orónimos), de augas terrestres (hidrónimos), de personas (antropónimos), de plantas (fitónimos), de animais (zoónimos) e demais, enriquecen o noso variado patrimonio lingüístico berciano.

Queda claro que a lingua galega, tan presente no territorio occidental, ten dende logo carácter de propia d´O Bierzo porque forma parte esencial do patrimonio idiomático dos seus falantes hai séculos. Sen embargo, tamén houbo falta de valoración, cando non desprezo, cara ao galego pola banda das instituciois. Así o galego só tivo consideración de dialecto ou fala do pobo iletrado fronte ao idioma xeral ou nacional do Estado, o castelao. Manifestación desta discriminación lingüística foi a falta de recoñecemento legal do galego ata a recuperación da democracia co Estado de dereito. O galego, ao non ter valor xurídico, careceu de uso administrativo polas instituciois públicas.

Os funcionarios locais ou estatais aplicaron esta política lingüística uniformizadora na súa actuación a diario por obriga legal. Así por exemplo, se había que facer os nomenclátor, é dicir, as listaxes das diversas poboaciois d´O Bierzo (concellos, vilas, pedanías, barrios, lugares...) ou dos nomes das rúas e ruelas, pois se castelanizaban progresivamente con cada nova revisión ¿razois?. Primeira, porque os oficiais públicos descoñecían o galego, e xa se sabe, o que se ignora non se valora nin recoñece como tal. Segunda, os nomes galegos carecían de significado axeitado para os funcionarios castelao-falantes, por iso procuraban denominaciois próximas ao castelao (por grafía ou fonética). E terceira, o galego non existía legalmente, ao non ser idioma oficial, polo tanto carecía de efectos xurídicos no dereito público.

Hogano os bercianos temos a oportunidade de recuperar a denominación dos nosos concellos na lingua propia d´O Bierzo occidental. Neste sentido hai que ter conta da Lei de Réxime Local de Castela e León que manda que "la denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana (...)" (artigo 24.1). Logo esta imposición idiomática obriga a adoptar nomes bilingües para os concellos bercianos. Deste xeito tamén daremos cumprimento ao establecido pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias -ratificada polo Reino de España en 2001- que propón o "emprego ou a adopción e, en caso de que proceda, conxuntamente coa denominación nas linguas oficiais, das formas tradicionais e correctas dos topónimos nas linguas rexionais ou minoritarias" (artigo 10.2.g).

Desexamos que os políticos locais inicien axiña os procedementos administrativos para incorporar as denomicaciois dos concellos en galego-berciano ( Peranzais, A Veiga de Espiñareda, Fabeiro, Vilafranca, Cabanas Raras, A Veiga de Valcarce, A Ponte Domingo Flórez, Valboa, Barxas, Camponaraia, Viladecais e, Borreis). Esta tramitación legal debe compaxinarse cunha campaña informativa do Consello d´O Bierzo entre a poboación afectada, sobre as denominaciois bilingües dos concellos, a cal sen dúbida facilitará a concienciacion social favorable a esta pequena modificación idiomática.

Ponferrada, xaneiro de 2007.
http://obierzoceibe.blogspot.com
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.falaceibe.tk