quarta-feira, julho 19, 2006

IMPIDEN ESTUDAR GALEGO NO INSTITUTO DE CACABELOS

IMPIDEN ESTUDAR GALEGO NO INSTI DE CACABELOS

A asociación Fala Ceibe quere denunciar os atrancos que está a sufrir a lingua galega no IES Bergidum Flavium de Cacabelos, xa que, tal como nos comunica un pai posto en contacto connosco, non se lles está a permitir aos alumnos de 4º de ESO escoller a optativa de Lengua y Cultua Gallega, e o que aínda é máis grave, no sobre de matrícula non se lles informa tampouco da posibilidade de escoller Ciencias Sociais en galego en 4º, a pesar de que existe o compromiso de informar aos pais desta posibilidade e de que no sobre da matrícula ten que ir unha autorización para que os pais que o desexen a cubran.

Parece mentira que ante esta situación nin a Administración educativa de Castela e León nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística fagan nada para garantir que os alumnos poidan completar o Programa para a Promoción do Idioma Galego, froito do acordo entre Junta de Castela e León e a Xunta de Galiza; pois sabemos dalgún alumno que non vai poder obter o certificado da Xunta porque non se lle permite, a pesar de telo solicitado por escrito tanto no propio instituto como na inspección de Ponferrada.

Nestes momentos hai alumnos no IES de Cacabelos que, se non se toman medidas, non poderán estudar a materia de Lengua y Cultura Gallega, que teoricamente ían ofrecer os institutos que veñen desenvolvendo o Programa para a Promoción do Idioma Galego. Non poderán, a pesar de ter manifestado tal desexo reiteradamente e contra todos os atrancos impostos por parte do Centro e do silencio consentidor de tal inxustiza por parte das autoridades castela-leonesas e galegas.
Como se pode permitir que prevaleza a decisión do Centro sobre a vontade dos pais? De que vale que Política lingüística anuncie como un gran logro a posibilidade de que para o curso 2007-2008 se vai ofertar Lingua Galega no bacharelato se despois esa oferta non se leva á práctica? Onde está o compromiso das autoridades de Galiza co galego estremeiro?

Ante tal situación, semella máis ben que o único que lles interesa é saír nos medios de comunicación, pero nada máis. Non hai un compromiso real coa defensa do galego alén das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma de Galiza.

Desde Fala Ceibe instamos as autoridades galegas para que se poñan en contacto de inmediato coas autoridades educativas de Castela e León e solucionen satisfactoriamente para os alumnos este tema, xa que non é de recibo que se diga que sempre que se solicite se concede e logo cando isto ocorre fagan oídos xordos.

Cremos que a Secretaria Xeral de Política Lingüística debe implicarse de verdade neste tema e conseguir que se lle garantan a estes pais e a estes alumnos os seus dereitos. Alguén imaxina que se deixase nas mans do Centro o ofertar ou non Lingua Castelá, ou Matemáticas, ou Música ou Francés? Acaso se acepta que a Lingua Galega estea en inferioridade de condicións que o Francés ou o Inglés no seu propio territorio?

Igualmente Fala Ceibe quere facer un chamado a todas aquelas persoas que loitan a prol do idioma para que se solidaricen e esixan das autoridades que tomen cartas no asunto e solucionen canto antes este tema, pois non é de recibo que mentres alumnos de Vilafranca ou Ponferrada poden cursar esta optativa, alumnos de Cacabelos non poidan facelo porque a uns profesores non lles dá a gana de concederlles esa graza e porque as autoridades castelás se desentenden do tema, cousa que non nos sorprende; pero en cambio é sorprendente e vergonzoso que esa pasividade e ese desinterese polo desenvolvemento sexa compartido por quen en Galiza ten as responsabilidades sobre a política lingüística. Creremos nas palabras da Secretaria Xeral de Política Lingüística cando nos anuncie que grazas á súa mediación está garantido o estudo da optativa de galego en todos os IES que desenvolven o Programa. Así que menos anuncios e máis feitos.
Fala Ceibe do Bierzo,
apdo. 257, 24400 Ponferrada.

segunda-feira, julho 17, 2006

25 anos de historia por Concha Rousia

http://www.agal-gz.org/modules.php?name=News&file=article&sid=3055&mode=&order=0&thold=0

segunda-feira, julho 03, 2006

FC PIDE A REVISIÓN DO ACORDO INTERAUTONÓMICO PARA O ENSINO DO GALEGO NO BIERZO

FALA CEIBE DO BIERZO PIDE A REVISIÓN
DO ACORDO INTERAUTONÓMICO PARA
O ENSINO DO GALEGO NO BIERZO.
falaceibe@yahoo.es

A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo (www.falaceibe.tk) lembra que o Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego en O Bierzo, sinado entre a Xunta de Galicia e maila Junta de Castela e León (Vilafranca do Bierzo, 18 de xullo de 2001), ten unha duración de 5 anos, polo que está a punto de cumprir a súa vixencia. Razón pola que reclamamos ás dúas administraciois implicadas, non a sinxela prórroga automática senón unha revisión do texto xurídico que actualice o seu contido. Neste sentido engadimos algunhas propostas que consideramos de interese.

1ª. Fala Ceibe constata que O Bierzo occidental amosa unha continuidade xeográfica, histórica, cultural e lingüística onde predomina a comunidade galego-falante dende séculos. Logo non se pode admitir que nesta zona haxa aínda alguns colexios que non ofertan a materia de galego ao seu alunado (A Veiga de Valcarce, Carracedelo, Quilós ou A Veiga de Espiñareda). Nestes centros impídeselles aos galego-falantes exercer a súa opción educativa a prol da aprendizaxe do seu idioma propio, como así temos comprobado directamente. Esta situación discriminatoria resulta un claro incumprimiento do regulado no Estatuto de Autonomía de Castela e León, “gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen” (artículo 4.2).

2ª. Fala Ceibe teima en que se amplíe o ensino do idioma galego a todos os centros escolares non universitarios de O Bierzo occidental. E para evitar as actuais resistencias internas que hai nalguns colexios coa implantación deste idioma territorial, demandamos que se estableza legalmente a oferta obrigatoria da materia de lingua galega en todos os centros escolares públicos da zona occidental. Só desta forma quedará garantizada a opción educativa do alunado que demanda voluntariamente a aprendizaxe do idioma galego.

3ª. Fala Ceibe pretende que se resolva a actual problemática coa impartición da materia de lingua e cultura galegas en 4º da ESO (Orde de Castela e León EDU/965/2005, de 14 de xullo) e en Bacharelato. Algún instituto resístese a ofertar o idioma galego en 4º da ESO, ao alunado que llo demanda, baseándose no erróneo criterio da dirección de que se trata dunha materia optativa só de oferta voluntaria para o centro. Resulta imprescindible para o alunado que estudia galego, nos distintos centros escolares e sucesivos niveis académicos, completar o seu ciclo de aprendizaxe lingüístico coa superación final da materia de lingua e cultura gallegas en 4º da ESO. Este último curso permite a obtención da necesaria capacitación idiomática, así como da desexada titulación acreditativa, por iso esta materia de galego debe ser de oferta obrigatoria en todos os institutos de O Bierzo occidental (Ponferrada, Vilafranca, Cacabelos, Fabeiro e demás.

4ª. Fala Ceibe demanda que se estenda o ensino do idioma galego aos centros escolares privados pois xa existe demanda desta materia, como é caso dun colexio do barrio de Cuatrovientos de Ponferrada. Neste sentido o futuro Acordo interautonómico debería abranguer tamén a aprendizaxe do galego para os maiores, a través dos cursos impartidos polo programa da Universidade da Experiencia (Campus de Ponferrada), a ensinanza básica para personas adultas (Orde de Castela e León EDU/1032/2006, de 20 de xuño) nos Ceas ou a UNED nas súas aulas de Ponferrada e A Veiga de Espiñareda.

5ª. Fala Ceibe insta a que se organicen cursos de idioma e cultura galegas en O Bierzo, tanto para profesorado como o resto da comunidade escolar, por parte do Centro de Formación do Profesorado e Innovación Educativa de Ponferrada (CEFIE), a Fundación Universidade de Castela e León (FUNIVCYL), Cursos de verán da Universidade de León ou Instituto Castellano y Leonés de la Lengua, en colaboración coas universidades galegas ou Consello da Cultura Galega.

6ª. Fala Ceibe pide a creación dun Departamento de galego no propio Centro de Formación do Profesorado e Innovación Educativa de Ponferrada. Este departamento debería coordinar as actividades escolares (revistas educativas, materiais pedagóxicos...) e extraescolares (viaxes, intercambios, concursos, festas tradicionais...) relacionadas coa ensinanza do galego. Os recursos educativos en galego en O Bierzo son escasos, velaí a necesidade de compartilos e elaborar proxectos comúns para os distintos niveis escolares.

7ª. Fala Ceibe indica á Xunta de Galicia que debería incrementar o subministro de libros en galego, tanto aos centros escolares como ás bibliotecas municipais. Ademáis o Goberno galego ten que facer estensivas as campañas de promoción escolar do galego a O Bierzo, son os casos pasados do “Tren da lingua”, “Buslingua”, os concursos de “Entre nós, en galego” e demáis.

8ª. Fala Ceibe insiste en que se realicen campañas informativas sobre o ensino da lingua galega nos centros escolares e medios de comunicación de O Bierzo. As campañas deberán ser de carácter anual, coincidendo co período de matriculación de cada novo curso académico. Recordamos que o propio Procurador do Común de Castela e León xa indicou a necesidade de facer ditas campañas informativas (ver a Resolución sobre o ensino do galego de 21 de febreiro de 2002). Este plan informativo ten que afectar tamén ás páxinas web dos centros escolares bercianos, así como ao Portal educativo da propia Junta de Castela e León (educa.jcyl.es).


Ponferrada, xullo de 2006.


Xabier Lago Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.
Tfno. 695344293 (tardes).
http://obierzoceibe.blogspot.comhttp://www.ciberirmandade.org/falaceive