quarta-feira, novembro 21, 2007

O QUE NOS FAI SEGUIR,

O QUE NOS FAI SEGUIR.
por Alberto Gómez Bautista, membro de Fala Ceibe do Bierzo.

Nun dos capítulos da serie televisiva “Band of Brothers” (irmáns de sangue) o nono capítulo concretamente, titulado Why we figth? (Por que combatemos?) onde se nos amosan as dúbidas e o cansazo deste bando ou grupos de soldados que protagonizan esta teleserie cando chegan a Alemaña, é nesa altura da guerra e nese país, onde descobren un campo de concentración y exterminio Nazi. Hai se decataron de porque combatían. A todos nós, nas diferentes facetas da vida, e salvando as diferencias, nos aborda esta cuestión. Para os que amamos a lingua galega é fácil encontrar unha resposta. Eu encontreina (en Vilafranca do Bierzo) unha vez que me abordou esta dúbida ollando para unha crianza que lle berraba amigabelmente a outros nenos incitándolles a xogar con el. Cada un ve a causa das súas causas nas mais inimaxinábeis situacións. Eu, persoalmente, hai tempo que aceptei, como algo natural, a idea da morte, o que me custa aceptar é que está forma de estar na vida, esta lingua á que tantos homes e mulleres lle emprestaran a súa voz, a moldearan, a mudaran, e a usaran para amar, soñar, imaxinar o inimaxinábel, desapareza e non ecoe alén da nosa existencia. A lingua é, sen dúbida, o maior desafío humano á morte.

Con ou sen dúbidas un ano máis celebrouse o Día das Letras Galegas no Bierzo grazas ao esforzo dos mozos e mozas de Fala Ceibe que, porén, teiman en asinalar con actos de grande interese, anos tras ano, esta importante data da nosa memoria colectiva de galegofalantes. Para os que pensamos que o Día da Lingua Galega é todos os días, talvez isto non teña nada de especial, se exceptuamos as fortes doses de folclore con que algúns nos tentan meter polos ollos e as orellas unha visión museolóxica da lingua que fede a formol e a morgue. Más xa que falamos de letras gustaba de aproveitar a ocasión para falar das letras e da escrita da lingua. Xa teño falado noutras ocasións do poder das palabras, e de que se escribo é porque acredito que as palabras teñen un enorme poder, coido que todos somos conscientes diso pois cando escribimos, mesmo cando mandamos un e-mail a un amigo, temos tendencia a rever o texto con coidado, coñecedores do mal ou do ben que pode facer unha letra a mais ou a menos.

É sabido que unha lingua que posúe escrita ten unha arma marabillosa para a súa promoción e difusión. É paradigmático o caso da Unión India onde só as linguas con escrita son referidas na constitución e consecuentemente promocionadas.

Porén, esta ferramenta fantástica que é a escrita pode tornarse unha arma de opresión, de manipulación e de persecución ideolóxica, cando imposta de arriba para abaixo, sen contar coa opinión dos seu falantes e usuarios. É abondo coñecido o caso da Unión Soviética cando o poder daquel Estado tras ter promovido o alfabeto latino nos anos 20 do século pasado, mudou de ideas e nos anos trinta reintroduciu o alfabeto cirílico. Todo isto tiña un obxectivo claro: eslavizar, ou se se prefire, rusificar linguas e pobos. Houbo quen se opuxera a esta política, que foi na altura revestida dunha aparencia anodina, e o pagou caro.

Nós, os galegofalantes, tamén padecemos unha imposición de arriba para baixo, de xente que coida estar en posesión da verdade, e até se permiten o luxo de dicirte como tes de escribir, porque o din eles, defensores dunha norma de consenso só consensuada por eles mesmos. O mais abrallante é que neste comezo de século onde moitos andamos a tentar deitar abaixo fronteiras, onde entenderse cos veciños e falar linguas é unha cousa para orgullármonos, pois ben, hai tipos por hai que se gaban de non falar galego, e outros que si o falan alardean de non entender aos portugueses, brasileiros, etc. Afortunadamente a xente normal non ten eses requintes e problemas propios deses policías lingüísticos, os médicos bercianos e galegos cando marchan para traballar a Portugal, xa que aquí o traballo non é cousa que abonde, usan a lingua de Rosalía para entenderse cos portugueses. Por que será?

Eu persoalmente non teño nada contra ningunha norma, coido que todo o mundo ten parte de razón. Mais si son contra os tarugos que se fechan nas súas posicións, e esquecen os problemas serios que atravesa o noso idioma, mais preocupados con rivalidades persoais do que co interese xeral. Mentres andan nas súas liortiñas de café a lingua perde terreo a un ritmo arrepiante, e perde calidade e creatividade cercada polo castelán. Non me preocupa que o galego lle “roube” palabras ao castelán, as linguas todas tomaron palabras unhas das outras, o preocupante e que se vire só cara o castelán e esqueza o portugués (e as outras linguas do noso entorno), sendo que o portugués é o galego criado en liberdade que dicía Castelao.

Espero que estas palabras sirvan para chantar os alicerces de entendementos futuros. Desexo tamén que non se me mal interprete, e que os que teñen a sartén polo mango se deixen de caralladas e arrimen o lombo pois os galegofalantes en xeral, e os de O Bierzo en particular, estamos xa fartos de belas palabras, e a hora dos xestos, de traballar a reo, para que esta nosa lingua teña o futuro que tantos e tantas desexamos.

Ocórrenseme unha idea a este respecto, talvez sería interesante que o Goberno de Galiza e os responsables lingüísticos do goberno e das diferentes institucións ligadas á lingua decretasen unha moratoria normativa é dicir que se inicie un período de tolerancia normativa (é dicir, a administración e as institucións, á hora de recibir documentos dos cidadáns ou ao subsidiaren publicacións actuarían de tal forma que a norma utilizada non será tida en conta, admitíndose calquera normativa coherente). É unha idea, talvez bizarra, mais surxida da necesidade de resolver un problema que nos reten e nos atrapalla na andaina da normalización da nosa lingua. Sexa cal sexa a normativa non se pode sacrificar a democracia por mor de unha utópica unidade normativa. Case todas as linguas, e en especial as minorizadas e/ou minoritarias teñen problemas en relación a norma, pero estes “conflictos” (cando ocorren en países democráticos) nunca provocan unha violación de dereitos fundamentais dos falantes desas linguas, non se sacrifica á liberdade e cidadanía en aras de unidades e purezas normativas nin se crea á volta da lingua unha policía lingüística co poder de dicir o que ou o que non se publica, por dar só un exemplo.

É moita cousa a que esta en xogo neste curso que se inicia agora, temos pola fronte expectativas e posibilidades que hai poucos meses nin imaxinábamos que fosen posíbeis. Estanse a criar condicións irrepetíbeis para pór o noso idioma a andar, para o normalizar alén e aquén Cebreiro. Agora só resta continuar a traballar, a pensar e a soñar.

Saúde e Lingua.
5 de Outubro de 2005.Alberto Gómez Bautista
(É membro de Fala Ceibe e profesor na Universidade Lusófona de Lisboa).