segunda-feira, maio 25, 2009

DIALECTOLOXÍA GALEGO-BERCIANA.


DIALECTOLOXÍA GALEGO-BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.



A lingua galega falada no Bierzo ten certas especificidades filolóxicas que paga a pena comentar polo seu interese social. Dende logo non compartimos denominacións terminolóxicas referidas ao dialecto berciano, galego-leonés ou galego-berciano porque ese pretendido dialecto rexional non é tal porque non ten unidade filolóxica minimamente esixida. Pola outra banda, cando os falantes se refiren ao seu chapurreao do Bierzo, dicimos que esa mesma denominación se utiliza en diversas comarcas de Galiza para denominar as súas falas locais e incluso nas comarcas aragonesas. O profesor Francisco Fernández Rei indica ao respecto “que aínda hoxe moitos falantes digan espontáneamente que non falan galego auténtico, senón un galego chapurrado, e que o galego cerrado se escoita en tal ou cal lugar, que con frecuencia se asocia cun sitio ou cunha zona moi distante xeograficamente de onde é a persona investigada, lugar unido moitas veces á idea de atraso e resticidade (…)” (Dialectolóxía da lingua galega, 1990).


O catedrático de Santiago fai un estudo dos bloques lingüísticos da lingua galega do noroeste peninsular. O Bierzo queda comprendido no bloque oriental, e dentro deste na área oriental-central, compatindo espazo coas subáreas A Fonsagrada-O Courel-O Bierzo e Valdeorras-Viana. Ao norte linda coas áreas asturiana, ancaresa e ao sur a área zamorana.


A área ancaresa comparte características coa áreas asturiana e zamorana. Así o ancarés forma palatización de a tónico: irmä, pèdre; dobre acentuación: buscar, cólmëa; existencia de vocais nasalizadas: cadea, madría; gheada en amigho, ghalo; aspiración de –s postnuclear; cheísmo; pretérito dos verbos en –er (colliu, collimos, collirla…); o artigo masculino singular l´ en posición antevocálica (l´horto); os demostrativos estos, esos, aquelos; posesivos meu(s), tou(s), sou(s),mia(s), túa(s); alomorfo l do pronome átono o tras forma verbal rematada en vocal ou ditongo (sintol, víul, deixóuel);formas verbais collí, partí, dixe, sen o –n propio do galego común; pretérito dos verbos en –ar (cantèche, cantèmos, cantèstestes).


A lingua galega da rexión do Bierzo ten diferencias entre dúas zonas, a oriental e a occidental. As formas baxo, caxa son máis utilizadas na oriental e menos na occidental, mentres que baixo e caixa se usan máis na occidental que na outra. O -L- e o -N- permanecen na zona oriental e pérdense na occidental. Plural en cais e ladrois no occidente e caes e ladroes no oriental. Colliu, collira, collise predominan na oriental. Colleu, collera e collese imponse na occidental. Acentuación paroxítona en cantabamos e cantaramos na zona occidental. Acentuación proparoxítona en cantábamos e cantáramos máis no oriente. Desinencia –ste no pretérito no oriente, mentres que desinencia –che no occidente.


O lindeiro oriental do idioma galego na rexión berciana os filólogos a fixan na divisoria dos ríos Cúa e Sil, e máis ao sur coincide cos límites administrativos entre as provincias de Ourense e León. De novo seguimos a Francisco Fernández Rei para comentar que, a pesar do descrito dialectismo do idioma galego do Bierzo, “convén salienta-lo feito de que a unidade do galego vivo é moi grande; non pode falarse de fragmentación dialectal ó non sentiren os falantes como profundas e definitorias as diferencias lingüísticas, o que non quere dicir que o estudioso da lingua galega non poida delimitar áreas lingüísticas (…)”.


2 Comments:

At 1:10 da manhã, Blogger CELTIUM said...

GALEGO EN TU CASA Y EN TU ZONA DEL BIERZU. NO ADIENTRES A TODO EL BIERZU NEL MISMO SACU. NO A LA GALLEGUIZACION DEL BIERZO. NO AL COLONIALISMO GALLEGO. BASTA YA DE QUERER IMPONER EL GALLEGO DONDE NO SE HABLA.

 
At 7:37 da tarde, Blogger Zurriellu said...

Si o galego tem divisiõis que quadram com as antigas dióceses suevas, que pouco mudaram desde entom, essas falas do oriente ourensão ia do oueste lionês haviam ser chamadas logo "área asturicense" por coincidirem com as comarcas de passado astur ia inda hoxe pertencentes a Diócese de Estorga.

Amais d'isso uma coisa que nom podemos deixar passar é que hai falas com rasgos característicos mui propios como o galego de "El Val d'Ancares", o seu viziño do Burbia e mais a fala do redor das Médulas e Borrés, pelas antigas merindades da Ribera de Escontra e parte da de Cornatelo que teim tambem rasgos comuis co português nortenho, e com o galego d'Asturias, cruçándo-se ò tempo com traços da lingua lionesa vizinha que é falada em Fornielha, Al Faveiro, "Espinheireda", parte do Bercio baixo vizinho ao Sil e as terras da Valdueça e Cabreira polo Sur existindo um vazio deserto por mor da pressom castelanizadora da vila de Ponferrada que borrou o lionês e o galego do bierzo baixo...

O Bierzo sempres fora bilingüe onque nom era o castelão a língua vizinha ò galego na comarca...

 

Enviar um comentário

<< Home