sábado, outubro 04, 2008

O DIALECTISMO COMARCAL BERCIANO AFASTADOR


O DIALECTISMO COMARCAL BERCIANO AFASTADOR,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. de Fala Ceibe do Bierzo.



A normalización social do idioma galego na rexión berciana ten ainda a resistencia dos defensores do dialectismo comarcal. Estes alegan que a lingua normalizada que vén de Galiza é allea ao que falan acotío. Dende logo que hai diferenzas entre o galego-berciano comarcal e o galego estándar, no léxico, fonética e morfosintaxe. Pero a realidade é que esas diferenzas teñen o mesmo valor filolóxico que o resto do dialectismo que poidamos atopar nas comarcas da Comunidade Autónoma de Galicia. Os falantes do idioma galego do noroeste peninsular sabemos da necesidade que había de fixar unha variedade supradialectal, a cal agora temos na dita normativa do galego. Precisamos dun idioma común, superador das diferenzas dialectais galegas, para evitar confusiois lingüísticas, propias das particularidades das falas dos distintos territorios. O idioma galego moderno debe facilitar ao máximo a comunicación e a comprensión entre os seus falantes. A falla da actual normativa do galego provocaría entre os diversos falantes problemas para entendermos, a nivel oral e escrito, entre os habitantes dos Ancares bercianos, A Mariña luguesa, Baixo Miño, A Fisterra e demais.


As investigaciois filolóxicas xa concretaron que o idioma galego se divide en tres ámbitos territoriais, chamados bloques. O bloque oriental está formado polas áreas asturiana, oriental central, oriental de transición e zamorana. Na dita área oriental central atopamos as subáreas dos Ancares, O Bierzo, O Courel, Valdeorras e Viana. Entre estas zonas hai diferenzas dialectais. Pero é que na propia rexión berciana atopamos diferenzas polo miúdo entre as partes oriental e occidental, ou entre o galego de Ancares, Valcarce, A Cabreira Baixa e demais. Estas diferenzas comarcais débense á influencia dos outros idiomas veciños (castelán e ástur-leonés), pero tamén á existencia de varios vales pechados (Selmo, Valcarce, Burbia, Ancares, Fornela…) que fomentaron falas de seu e microtoponimia diversa. Agora ben, estas diferencias dialectais non son de sufiente entidade para concretar a formación de un dialecto berciano con una normativa propia.


Os partidarios do dialectismo comarcal do Bierzo saben ben das súas diferencias filolóxicas, non só coas zonas veciñas, senón entre eles mesmos. Pois valoran nesta diferenciación lingüística a utilización dunha fala mesturada de castellanismos, velaí a denominación como chapurreao. Pero é que outros pretendemos valorar a lingua galega, mediante a súa diferenza filolóxica co castelán, por ser este outro idioma latino. Ademais o galego ten máis semellanzas históricas co portugués ca có castelán, por iso debe achegarse ao luso.


Moitos bercianos falan o idioma galego como ben saben, e intentan escribilo con moito esforzo, xurdindo pois o dialectismo comarcal porque non tiveron a oportunidade de aprender a normativa correspondente. Outros rexeitan o idioma galego estándar, non desexan escoitalo, nin lelo nin escribilo. Pero peor resulta que estes últimos queiran impedir aos bercianos que poidamos aprender o idioma galego moderno, e a normalizar o seu uso social na nosa rexión. Non se pode condenar aos bercianos a conservarmos únicamente o dialectismo comarcal, cando temos a posiblidade evolucionar dende o galego-berciano, ao idioma galego estándar e chegar ao portugués por mor das semellanzas lingüísticas.


O futuro do galego do Bierzo está no fomento do idioma estándar. Lingua que ten unha grande funcionalidade, na administración, o ensino, os medios de comunicación, as novas tecnoloxías e demais. O galego normativo únenos ao resto da comunidade lingüística galega do noroeste peninsular, Galiza, Eonavia, Seabra, e tamén ás comunidades portuguesa, brasileira e africana. Así pois a lingua galega de hoxe fainos tamén internacionais. Fronte a isto, os partidarios do dialectismo comarcal queren empecharnos dentro das serras bercianas. No fondo éstes non cren no futuro do idioma galego, non queren o seu prestixio, nin a súa declaración de oficialidade, nada de recoñecemento de dereitos lingüísticos para os falantes bercianos. ¿Qué pretenden pois?. Conservar o dialectismo berciano sen modernizalo, non queren que mude porque non están preparados para afrontar o novo futuro plurilingüe sen medos e prexuízos. Viven coas verbas rurais do pasado, vencellados ás falas familiares dos seus antergos, na cárcere da soidade e do illamento. Máis valería cavilar en cómo manter a herdanza do idioma galego que recibiron, en cómo transmitilo con xeito aos seus descendentes, e en facelo atraínte aos neofalantes.


O Bierzo, outubro de 2008.
http://www.obierzoceibe.blogspot.com/