sábado, março 10, 2007

A REPÚBLICA DAS PALABRAS, DE ALBERTO GÓMEZ BAUTISTA

A REPÚBLICA DAS PALABRAS,
por Alberto Gómez Bautista.

“De qual engano prendemos
aqui, non sab´el-Rei parte:”

Vaasco Pérez Pardal (s. XIII)

Neste novo curso que comeza preséntanse novos e apasionantes retos para a nosa lingua, pero alén de ser tempo de esperanza é tamén tempo de reivindicación de dereitos lingüísticos e de reflexionar. Son consciente de que os problemas do día a día de moita xente continúan, e moitos andan mais pendentes de reformas estatutarias ou de intrigas palacianas, e da repentina vontade de reforma constitucional por parte dos que hai meses atrás dicían que nela ninguén mexía, en fin, para que unha moza, poida ser a herdeira ao trono, acabando así con unha discriminación de séculos, o que non din é que esa reforma non vai acabar coa discriminación que sufrimos o resto dos cidadáns que, polo feito de non sermos da familia “x” ou termos o apelido “i grego”, estamos afastados de poder acceder a xefatura do Estado.

Se por min fose mudaba a Constitución, si señor, para que non se diga que somos malos, mas xa que mexemos na Constitución eu proclamaría unha República, unha República das Palabras, cuxo símbolo máximo sería un libro, en calquera dos soportes existentes, sei que isto daría moito que falar na Asemblea das Palabras (órgano lexislativo da República) onde se discutiría e votaría esta cuestión, eu por min puña un e-book ben carrexado de megas, pois é mais ecolóxico e democrático (e barato), e confeso que teño certa debilidade por modernices, que lle imos facer. Despois da cuestión do símbolo da República sería a quenda do exército, aí é que vai ser, faría un exercito de soldados ilustrados cuxas armas estivesen carrexadas de historias, contos, versos e ideas. Armas e soldados asasinos apenas da ignorancia. E como non podía ser menos, esta República das Palabras tería tamén armas de (des)construcción masiva, e nos non teríamos problemas de que viñeran os inspectores da ONU ou os técnicos estadounidenses a investigar as nosas fábricas de armas, as escolas, pois nesta República as palabras serían as únicas e mais poderosas armas do noso arsenal. Si, as palabras, pois todo o poden facer e desfacer, pensemos na publicidade, ademais, non din que hai palabras que matan?

Eu son partidario da República e non do Reino das Palabras porque neste noso idioma hai feudos que cheguen, abondan os cabaleiros da triste palabra, os señores do pesimismo e os reis e as raíñas déspotas e intolerantes.

Nesta nosa República ninguén se gabaría de non saber. E todos con gusto tentaríamos facer o pequeno esforzo para superar as barreiras que eventualmente nos afastan de entender e facérmonos entender con os falantes de portugués. Eu adoraría chantarme no Brasil, onde a nosa lingua gaña vida e se enriquece na diferenza, con un toque de tupí por aquí, ou guaraní por alí (nunca repararon que nos están sempre a dicir que o futuro do castelán está do outro lado do charco, pois apliquémonos o conto para a nosa outra lingua!) e entender e facerse entender con toda a xente, ou ir até a bela cidade das acacias rubras, Benguela, onde a lingua é xa unha mulata vigorosa con sabor a muamba de galiña e un cheiriño a linguas nacionais... e non sigo que me perdo. É tan bo agarrar nun libro do Pepetela, do Mia Couto ou do Jorge Amado e embebedarse dunha lingua tan rica e universal, como é a galego-portuguesa. Sei que hai xente que non gusta ren do que digo, mas só podo dicirlles que non entendo á xente que se gaba de non saber, e na nosa terra hai moito deste xénero, que se gaba de non falar nin entender galego, e canto mais o portugués, dáme tanta rabia como os que fan o mesmo en relación ao castelán, alá eles. Eu son practicante confeso, e por veces confuso, da bigamia lingüística. Falando unha lingua as veces sáeme o cheiriño da outra coma aquel que agarra o perfume da amante e non o consigue disfrazar, se ben que esta bigamia que envolve linguas é ben mais saudábel e menos perigosa do que a bigamia propiamente dita.

Alguén terá que explicarme, pois eu só non chego alá, como tendo unha posición de privilexio, polo menos no plano lingüístico, nesta Europa a vinte e sete, e en plena marea globalizadora o feito de sermos capaces de comunicarnos sen grande dificuladade, con mais de 700 millóns de persoas (é, aproximadamente, o número de falantes de castelán e portugués que hai no mundo). É este un potencial que doe desperdizar por mor de preconceitos, que ao meu ver, revelan a penas falta de información e nalgúns caso dubidosas intencións.

Embora esta República das Palabras teña sido proclamada a brincar, espero que todos e todas usemos as palabras, esa arma que todo o pode, para mellorar a sociedade na que vivimos, a sociedade real, e as condicións en que todos e todas vivimos, demostrando con palabras e feitos a potencialidade que a nosa diversidade lingüística ten para nos ofrecer, lonxe de ser o problema é a solución a moitos dos nosos problemas.

Saúde e linguas.

Escrito Outubro de 2005, revisado en febreiro de 2007.
Alberto Gómez Bautista