Un estudo sobre a situación xurídica do galego no Bierzo e no Eo-Navia gaña o certame sobre Dereitos Civís en Galiza
O concurso foi convocado polo Movemento polos Dereitos Civís en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galiza
Tal e como adianta a páxina web do Movemento polos Dereitos Civís -www.movemento.org -, o gañador do certame “Dereitos Civís en Galiza” é un estudo sobre o status quo dos dereitos lingüísticos das comarcas galegófonas situadas administrativamente fóra da Comunidade Autónoma de Galiza.
O traballo, que pode descargarse desde a mencionada páxina, leva por título “Dereitos lingüísticos na Faixa Oriental” e foi elaborado por Carlos Bello Stout. Integrante da asociación Fala Ceibe do Bierzo, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago coas especialidades de dereito público e dereito privado; e na actualidade cursa na USC un posgrao en Dereito Tributario así como o segundo ciclo da licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración. O premio está dotado cunha cantidade en metálico correspondente á contía da súa matrícula universitaria.
O autor galardoado fai unha introdución histórica da problemática e a analiza desde unha óptica xurídica no ámbito da lexislación internacional, estatal e autonómica, así como das diversas iniciativas que se teñen producido a nivel local. Fai un estudo comparativo das solucións empregadas para situacións paralelas noutros lugares do estado e aporta conclusións e propostas de actuación concretas. Entre estas últimas é de destacar a urxente necesidade de evitar que a reforma do Estatuto de Autonomía de Castilla y León se aprobe co texto actualmente proposto e en trámite no Congreso dos Deputados, para evitar deixar ao galego nunha situación de inferioridade legal a respecto do leonés. Tamén apunta a necesidade de introducir a mención á protección do galego nunha futura reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias. Denuncia o autor que algunhas das medidas máis útiles xa foran aprobadas por unanimidade do Parlamento Galego no Plano Xeral de Normalización Lingüística, e non foron aínda executadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Incide na necesidade de colaboración da Administración galega coas entidades cidadás que a día de hoxe traballan nas comarcas orientais sen axuda pública de ningún tipo.
O acto público de entrega do premio terá lugar nas vindeiras semanas e será anunciado proximamente polos organizadores.
Fala Ceibe do Bierzo quere dar os parabéns ao galardoado e congratúlase de que o premio recaese nun estudo que con certeza será útil para dar novos e necesarios pulos e publicidade ao galeguismo no Bierzo.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home