quarta-feira, novembro 22, 2006

MÁIS RECORTES DE CARLOS JOSÉ PÉREZ TEIJÓN.

MÁIS RECORTES DE CARLOS JOSÉ PÉREZ TEIJÓN.
falaceibe@yahoo.es

O noso colaborador, o berciano Carlos José Pérez Teijón, remésanos novos recortes de xornais de Catalunya. Comezamos pola noticia, editada na revista Escuela, sobre o Convenio de colaboración para o ensino do galego en Castela e León, sinado polas Consellerías de Educación da Xunta de Galicia e da Junta de Castela e León. Entre os datos dese artigo salientamos que 723 cativos estudan galego en Infantil e Primaria, 57 alunos en 4 institutos e 72 na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. A Directora Xeral de Política Lingüística, Marisol López, comentou que un dos problemas que hai no ensino do galego nos territorios estremeiros é a falta de oficialidade deste idioma, polo que o obxectivo debería ser intentar lograr este recoñecemento nas áreas de influencia do galego.

Continúan os debates na Comunidad Autónoma de Aragón sobre a reivindicación da cooficialidade das linguas minorizadas, o aragonés e o catalán. O proxecto de reforma do Estatuto de Autonomía, en tramitación no Congreso dos Deputados, inclúe no seu artigo 8 varios parágrafos sobre as linguas e modalidades lingüísticas propias de Aragón. Sen embargo non hai referencia expresa a cales son esas linguas, nin referencia á oficialidade delas. Como reacción a Institución Cultural de la Franja de Ponent (ICFP) desprazouse ao Congreso para xuntarse con parlamentarios de ERC e coordinar a estratexia defensiva, co obxectivo de denunciar "a evidente discriminación que fai o novo Estatuto (...)". O dito ICFP tamén acusou á Generalitat de excluír a Benaque, que pertence á Franja de Ponent, do mapa lingüísitico catalán, sen embargo o alcalde de Benasque comentou que "non se fala catalán, se habla patués que é o dialecto con palabras de catalán, o aragonés, o francés... é unha mestura (...)". Por último, o Informe del Comité de Expertos do Consello de Europa e do propio Consello de Europa, sobre a aplicación da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, denuncia incumprimentos do Goberno aragonés por non recoñecer e dar un marco legal apropiado al catalán e ao aragonés.

Respecto á Unión Europea, salientamos que a mesa do Parlamento Europeo rexeitou, polo voto en contra do vicepresidente español, Aleix Vidal Cuadras (PP), o pedimento do Goberno español de permitir o uso do galego, o éusquero e mailo catalán/valenciono nas comunicaciois escritas dos ciadaos á dita institución. Alegou o parlamentario do PP razois técnicas a efectos de traducción e interpretación. Recordamos que o Consejo, o Comité das Rexións e a Comisión Europea xa asinaron os seus respectivos acordos co Reino de España. Haberá que seguir agardando para que se poida utilizar parcialmente o galego no Parlamento Europeo.

Tamén temos numerosas sentenzas sobre conflictos lingüísticos nas Administraciois públicas. Así o Tribunal Constitucional declarou o 9 de outubro inconstitucional e nula unha disposición do Decreto do Goberno Basco de medias para a normalización lingüísticas na Administración de Xustiza, que abría a porta á esixencia aos xuices, fiscais e maxistrados determinado nivel de coñecemento de éusquero para exercer na Comunidade Basca. Polo que toca a Catalunya, outra sentenza avala a posibilidade de impartir de maneira conxunta as estruturas lingüísticas comuis do castelao e do catalán. Así o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya desestima o recurso do Ministerio de Educación contra un Decreto da Generalitat. Na Galiza o presidente interino do Tribunal Superior espetou contra da pretensión do Goberno galego de obrigar aos xuíces a saber galego, segundo o que puidera concretarse na actual reforma do proxecto de Estatuto de Autonomía da Comunidade Autónoma, postura secundada polo presidente do Consello da Avogacía de Galiza e o Consello Consultivo.

O Goberno Balear tirou o Decreto 52/16 de xuño, para regular o trilingüísmo escolar. Os centros de ensino infantil e primario poderán impartir materias curriculares utilizando como linguas de aprendizaxe a catalá, a castelá e unha lingua estranxeira. Así se fixarán as áreas no lingüísticas que serán impartidas en cada unha das tres linguas. O resto do currículum será impartido de xeito equitativo a lingua catalá e na lingua castelá, seguindo os criterios de eficiencia e racionalidade na planificación. As áreas lingüísticas terán que impartirse na lingua de referencia.

O xornal La Mañana de Lléida recolleu a presenza do presidente do Consell comarcal del Segría, Gonçal Serrate, nos actos da 15 aniversario da creación da Comarca d´O Bierzo que tiveron lugar en xuño en Ponferrada e Cacabelos. Este político catalán reclamou no seu relatorio "competencias directas e finalistas, e non de convenios". En canto ao novo Estatut de Catalunya, considerou que saíron "dende o punto de vista da comarca un poco victoriosos (...)". As veguerías van substituír ás deputaciois actuais e serán ámbitos de actuación territorial da Generalitat, mentres que os consellos comarcais desenvolverán servicios supramunicipais.
Lleida, novembro de 2006.