PEDIMENTO DE AXUDA PARA UN MAIOR RECOÑECEMENTO DO GALEGO DO BIERZO.
PEDIMENTO DE AXUDA PARA UN MAIOR RECOÑECEMENTO ESTATUTARIO DO GALEGO.
A Asociación cultural Fala Ceibe do Bierzo (www.falaceibe.tk) diríxese á cidadanía de O Bierzo e de Galiza en pedimento de axuda para demandar ante as Cortes de Castela e León unha maior protección da lingua galega na reforma do Estatuto de Autonomía desta Comunidade Autónoma. Pretendemos máis recoñemento legal para o galego de O Bierzo e da Alta Seabra que permita a necesaria normalización lingüística destes dous territorios. Neste sentido a declaración de oficialidade do galego debe ter lugar no devandito Estatuto de Autonomía, o cal permitiría o uso administrativo deste idioma nas instituciois públicas. Ademáis é lexítimo e xusto que todas as comunidades galego-falantes do noroeste peninsular (Galiza, Navia-Eo, O Bierzo e A Alta Seabra) teñan recoñecidos iguais dereitos lingüísticos, para salvar as discriminaciois que sofren os habitantes dos tres territorios estremeiros con idioma galego sen declaración de oficialidade.
Fala Ceibe lembra que xa a presión social e política tivo os seus resultados positivos en 1998, cando se conseguiu a inclusión da lingua galega no actual Estatuto de Autonomía de Castela e León, que quedou recollida da seguinte forma: “Gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen” (artículo 4.2). Agora temos que esixir unha redacción alternativa que mellore a protección do galego cun novo artículo. Esta actual conxuntura política de reforma estatutaria debe ser aproveitada pola cidadanía para participar activamente, mediante a oferta de propostas favorables ao recoñecemento de máis dereitos, caso dos lingüísticos. Estamos ante unha oportunidade histórica para conseguir unha maior protección legal do idioma galego que precisa da mobilización social e política. E isto é así porque cremos firmemente que no fundo deste debate político está en xogo a propia existencia futura do galego, tanto en O Bierzo coma na Alta Seabra.
Fala Ceibe anima de novo á cidadanía de O Bierzo e, especialmente á de Galiza, ás súas instituciois (Parlamento, Xunta, Consello da Cultura Galega, universidades, etc), os partidos políticos, os sindicatos, as asociaciones (culturais, mocidade...), os medios de comunicación e demais para que remesen as súas cartas e declaraciois oficiais á Comisión de reforma do Estatuto de Autonomía, das Cortes de Castela e León (www.ccyl.es), en demanda dunha maior protección legal para a lingua galega de O Bierzo e maila Alta Seabra. Os escritos dirixiranse a: “Comisión de reforma del Estatuto de Autonomía, Cortes de Castilla y León, 47194 Fuensaldaña”. A ditas cartas deberán chegar ao seu destino antes do 29 de novembro de 2006, data en que se aprobará definitivamente o Estatuto polo pleno das Cortes de Castela e León. ¡Grazas a todos e todas pola vosa axuda solidaria!.
Ponferrada, setembro de 2006.
Xabier Lago Mestre, Pte.de Fala Ceibe do Bierzo.
Tfno. 695344293 (tardes)
Apdo.postal 257, 24400 Ponferrada
http://obierzoceibe.blogspot.com
1 Comments:
VERGUENZA AJENA ES LO QUE SIENTO AL VER TAL GALLEGUIZACION. BIERZO SI PERO NO GALLEGO. Y MENOS EN LOS COLEGIOS.
Enviar um comentário
<< Home