IMPIDEN ESTUDAR GALEGO NO INSTITUTO DE CACABELOS
IMPIDEN ESTUDAR GALEGO NO INSTI DE CACABELOS
A asociación Fala Ceibe quere denunciar os atrancos que está a sufrir a lingua galega no IES Bergidum Flavium de Cacabelos, xa que, tal como nos comunica un pai posto en contacto connosco, non se lles está a permitir aos alumnos de 4º de ESO escoller a optativa de Lengua y Cultua Gallega, e o que aínda é máis grave, no sobre de matrícula non se lles informa tampouco da posibilidade de escoller Ciencias Sociais en galego en 4º, a pesar de que existe o compromiso de informar aos pais desta posibilidade e de que no sobre da matrícula ten que ir unha autorización para que os pais que o desexen a cubran.
Parece mentira que ante esta situación nin a Administración educativa de Castela e León nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística fagan nada para garantir que os alumnos poidan completar o Programa para a Promoción do Idioma Galego, froito do acordo entre Junta de Castela e León e a Xunta de Galiza; pois sabemos dalgún alumno que non vai poder obter o certificado da Xunta porque non se lle permite, a pesar de telo solicitado por escrito tanto no propio instituto como na inspección de Ponferrada.
Nestes momentos hai alumnos no IES de Cacabelos que, se non se toman medidas, non poderán estudar a materia de Lengua y Cultura Gallega, que teoricamente ían ofrecer os institutos que veñen desenvolvendo o Programa para a Promoción do Idioma Galego. Non poderán, a pesar de ter manifestado tal desexo reiteradamente e contra todos os atrancos impostos por parte do Centro e do silencio consentidor de tal inxustiza por parte das autoridades castela-leonesas e galegas.
Como se pode permitir que prevaleza a decisión do Centro sobre a vontade dos pais? De que vale que Política lingüística anuncie como un gran logro a posibilidade de que para o curso 2007-2008 se vai ofertar Lingua Galega no bacharelato se despois esa oferta non se leva á práctica? Onde está o compromiso das autoridades de Galiza co galego estremeiro?
Ante tal situación, semella máis ben que o único que lles interesa é saír nos medios de comunicación, pero nada máis. Non hai un compromiso real coa defensa do galego alén das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma de Galiza.
Desde Fala Ceibe instamos as autoridades galegas para que se poñan en contacto de inmediato coas autoridades educativas de Castela e León e solucionen satisfactoriamente para os alumnos este tema, xa que non é de recibo que se diga que sempre que se solicite se concede e logo cando isto ocorre fagan oídos xordos.
Cremos que a Secretaria Xeral de Política Lingüística debe implicarse de verdade neste tema e conseguir que se lle garantan a estes pais e a estes alumnos os seus dereitos. Alguén imaxina que se deixase nas mans do Centro o ofertar ou non Lingua Castelá, ou Matemáticas, ou Música ou Francés? Acaso se acepta que a Lingua Galega estea en inferioridade de condicións que o Francés ou o Inglés no seu propio territorio?
Igualmente Fala Ceibe quere facer un chamado a todas aquelas persoas que loitan a prol do idioma para que se solidaricen e esixan das autoridades que tomen cartas no asunto e solucionen canto antes este tema, pois non é de recibo que mentres alumnos de Vilafranca ou Ponferrada poden cursar esta optativa, alumnos de Cacabelos non poidan facelo porque a uns profesores non lles dá a gana de concederlles esa graza e porque as autoridades castelás se desentenden do tema, cousa que non nos sorprende; pero en cambio é sorprendente e vergonzoso que esa pasividade e ese desinterese polo desenvolvemento sexa compartido por quen en Galiza ten as responsabilidades sobre a política lingüística. Creremos nas palabras da Secretaria Xeral de Política Lingüística cando nos anuncie que grazas á súa mediación está garantido o estudo da optativa de galego en todos os IES que desenvolven o Programa. Así que menos anuncios e máis feitos.
Fala Ceibe do Bierzo,
apdo. 257, 24400 Ponferrada.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home