quarta-feira, maio 31, 2006

TODO POR QUERER USAR OU FALAR EM GALEGO

No acto de feche, celebrado na Praza da Quintana, varios cidadáns e cidadás deron lectura ao manifesto “Porque temos, porque queremos, porque debemos”, no cal se pide que no novo Estatuto o galego apareza como “dereito e deber” e que conteña unha “carta de dereitos lingüísticos” como “garantía de primeiro nivel para que o galego supere a situación de cooficialidade subalterna”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, fechou o acto cunha intervención na que subliñou que “sen o deber de coñecemento non haberá dereito de uso”. Callón considera que “igual que o novo Estatuto ten que servir para solucionar moitos problemas dos galegos e galegas, ten que servir tamén para evitar as discriminacións lingüísticas que aínda se continúan a producir na actualidade. Ten que ser un Estatuto de tolerancia cero coa discriminación lingüística e que non permita que os cidadáns e cidadás que queiran utilizar o galego sexan tratados como obxectores de consciencia”.

Cada artigo do manifesto final foi lido por unha persoa que representa unha problemática concreta que o novo Estatuto pode solucionar.

Mercedes Queixas, unha nai que ve como a escola lle está a cambiar a lingua aos seus fillos, leu a petición de “que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario”.

Xunto a ela, Angel Penabad, reprendido por falar en galego nun estabelecemento de McDonald’s en Ferrol, reclamou “que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos”.

Pola súa banda, a xornalista de TVE Tareixa Navaza demandou “que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE”.

Carlos Outeiro e Ana Varela, que se viron obrigados a casar con intérprete, pediron “que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe tamén a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza”.

Lois Diéguez, que tivo que cambiar cinco veces de notario para poder facer a escritura de compra-venda en galego, leu a solicitude de que “todos os integrantes da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística”.

Silvia Ribas, secretaria xeral de Fala Ceibe do Bierzo, demandou “que o Goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza”.

Finalmente interviron Bieito Iglesias, Pilar García Negro, Anxo Gómez, Patricia Arias Chachero, Xosé Manuel Sardiña e Montse Irago, esta última despedida por falar en galego cos seus compañeiros de traballo.