Silvia Ribas, secretaria xeral de Fala Ceibe demandou
Mesa xuntou en Santiago máis de 10.000 persoas a favor da lingua
O idioma será tema preferente na discusión do novo Estatuto Perfecto Conde
Arredor de dez mil persoas participaron na manifestación en defensa da lingua que foi convocada pola Mesa e tivo lugar en Santiago no mediodía do mércores 17 de maio. Asistiron a ela o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o de Industria, Fernando Blanco, e a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas. Dos conselleiros do BNG, só se rexistrou a ausencia da titular de Cultura, Ánxela Bugallo, que tivo que viaxar a Sada para os actos institucionais desta data tan sinalada. Dende 1987, data na que houbo a primeira expresión popular parecida, esta foi a ocasión na que participaron máis persoas.
Non era como o Día da Patria Galega, pero había case tanta xente e o ambiente era algo parecido. Boa ocasión, polo tanto, para saudar os amigos que están espallados por toda Galiza e que sempre acoden a Compostela cando toca defender os intereses do país. O meu veciño de Xinzo -o da Pontenova e non o da Limia- Xosé Manuel Méndez, bo gaiteiro e mellor acordeonista, mestre nacionalista polas terras do Condado dende hai moitos anos, saudoume con toda a súa enorme cordialidade:-Paisano, só nos vemos cando hai toque a rebato.-E cando comenza a medrar o millo, díxenlle eu por facerme o poeta primaveral.
Froitos que chegarán
Anxo Quintana defendeu no seu discurso entender a lingua como o maior dos tesouros. “Esta manifestación é unha oportunidade para deixar de chorar polo galego, para estar orgullosos do idioma e para comprometerse coa súa utilización e coa súa defensa”. O vicepresidente tamén opinou que “nun mundo globalizado só podemos ser alguén se o somos coa nosa identidade, e a nosa identidade ten unha marca senlleira que é o noso idioma”. Quintana defendeu o compromiso de goberno adquirido respecto á lingua: “Son a persoa máis impaciente do mundo, e, en materia lingüística, tamén, pero como Goberno tócame pedir paciencia dende o convencemento de que estamos traballando na liña adecuada, e os froitos acabarán por chegar”.E a manifestación comezou a andar ondeando Senra arriba como se fose unha cobra que torcía cara a Doctor Teixeiro, para seguir o itinerario que sempre leva a celebración do Día da Patria. Francisco Rodríguez, ao lado de Bieito Lobeira, marchaba agarrado a unha pancarta que se pronunciaba, sobre cores azul e vermella, por “Un novo status para o galego”. Perto del, turnándose tamén no transporte da proclama, Fernando Blanco, Alfredo Suárez Canal, Luís Barcia, Ana Pontón e outros. O escritor lugués Lois Diéguez mostrábase moi activo. A súa pancarta poñía: “Actívate. Defende os teus dereitos lingüísticos”. E Os da Mesa (Xosé Manuel Sarille, Carlos Callón, etc.) foron os máis escribidores. “Porque temos, porque queremos, porque debemos. O galego: un dereito, un deber no Novo Estatuto. O Estatuto da Normalidade Lingúística”.
Na Galiza, en galego
Os rapaces de Galiza Nova foron os máis breves, pero moi contundentes. “Na Galiza, en galego”, rezaba a súa proclama. E que graza tiñan os nenos coa súa pancarta: “Queremos medrar en galego”. Ou os máis pequechos aínda, coa súa: “Non nos pises”.
Dereito de opción lingüística
A praza da Quintana, coma sempre, mostrouse acolledora e as campás da Berenguela, respectuosas co que estaba a acontecer. Foise dando conta dunha longuísima lista de personalidades, insitucións e diversas entidades que mandaron a súa solidariedade coa defensa da lingua. Logo, unha restra de persoas leron cada un dos apartados do manifesto da Mesa pola normalización da lingua, salientando a problemática concreta que o Novo Estatuto podería e debería solucionar.Mercedes Queixas, unha nai que está vendo como a escola actual está a cambiar a lingua dos seus fillos, leu a petición de que se lle recoñeza ao idioma galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario.Anxo Penabade, un ferrolán que foi reprendido por falar en galego nun estabelecemento público de McDonald’s, pediu que se garanta o dereito de todos a sermos atendidos oralmente e por escrito en galego na condición de usuuarios e consumidores de bens, produtos e servizos.Tereixa Navaza, traballadora da TVE, reclamou que se consigne o uso preferente do noso idioma nos medios de comunicación públicos, incluídos os dependentes do Estado.Carlos Outeiro e Ana Varela, unha parella que se viu obrigada a casar con intérprete para poder facelo en galego, pediron que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións públicas situadas en Galiza, o que inclúe tamén a administración xeral do Estado e a administración de Xustiza.Lois Diéguez tivo que cambiar cinco veces de notario para facer unha escritura de compra-venda en galego. Na manifestación solicitou que todos os integrantes da maxistratura, notarías, fiscalía e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, acrediten un coñecemento adecuado e suficiente do galego que garanta o dereito de opción lingüística.
Silvia Ribas, secretaria xeral de Fala Ceibe, do Bierzo, demandou que o goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza.
Tamén leron outros fragmentos do manifesto o escritor Bieito Iglesias, a profesora Carme García Negro, Patricia Arias Cachero, Xosé Manuel Sardiña e unha moza, Montse Irago, que foi despedida do traballo por falarlles en galego aos seus compañeiros.E chegoulle a quenda ao presidente da Mesa. Carlos Callón deixou moi claro que, sen deber de coñecer o galego, non pode haber dereito a usalo. E teimoucoas ideas que deben inspirar o Novo Estatuto. “Ten que servir -dixo- para evitar as discriminacións lingüísticas que aínda se continúan a producir na actualidade. Ten que ser un Estatuto de tolerancia cero coa discriminación lingüística e que non permita que os cidadáns que queiran utilizar o galego sexan tratados como obxectores de conciencia”.En declaracións feitas para A Nosa Terra, despois de mostrarse moi satisfeito polo resultado da convocatoria, dixo que “agora hai que esperar que todas as forzas políticas escoiten a voz da cidadanía, expresada hoxe, e fagan que o Novo Estatuto signifique un paso adiante para a nosa lingua”.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home