sábado, maio 20, 2006

DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO BIERZO 12 DE MAIO DE 2006

CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS
GALEGAS 2006 EN PONFERRADA,
POR FALA CEIBE DO BIERZO.

A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo organiza un ano máis o Día das Letras Galegas 2006 en Ponferrada. Nesta ocasión o acto principal terá lugar o venres 12 de maio, no salón de actos do Campus de Ponferrada da Universidade de León, desde as 5.30 horas. E por iso aproveitamos esta grata ocasión para convidarlles a participar nas actividades programadas.

Neste ano 2006 todas as comunidades galego-falantes da Comunidade Autónoma de Galicia, de Navia-Eo de Asturias, do Bierzo, das Portelas da Alta Seabra zamorá, do val do Ellas cacereño e os colectivos de emigrantes galegos en xeral organizamos actos culturais en homenaxe a Manuel Lugrís Freire (Sada, 1863- A Coruña, 1940), destacado galeguista, xornalista, xurista, poeta e autor teatral. Fala Ceibe únese a esta merecida homenaxe desde Ponferrada, y para iso contamos coa valorada colaboración de distintos colexios bercianos que imparten clases de galego, a través da participación activa do seu alunado no acto cultural. Tamén contamos coas correspondentes actuacións musicais por parte de grupos galegos e bercianos.

Fala Ceibe tamén fará durante este acto cultural que comentamos unha merecida homenaxe ao escritor e profesor ancarés Aquilino Poncelas Abella e á profesora e investigadora Alicia Fonteboa. Esta foi unha das persoas impulsoras do ensino da materia de galego no Bierzo, ademais publicou o libro “Literatura de la tradición oral en El Bierzo” (1993), así como numerosos artigos de investigación filolóxica na revista Estudios Bercianos, e participa na elaboración do “Atlas Lingüístico del Bierzo (ALDI)”, editado polo Instituto de Estudios Bercianos. Pola otra banda, Aquilino Poncelas Abella defende a dignificación da lingua galega do Bierzo, e publicou varios libros nos que se recolle relatos da nosa literatura oral en galego-berciano, entre eles salientamos “Estorias e contos dos Ancares” (1987), “O mestro púxose louco (1995) e “Contos e lendas do Bierzo” (2004).


Silvia Rivas Remiceiro,
Secretaria de Organización.
Tfno. 600627399.
Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo,
Apdo. postal 257, 24400 Ponferrada.
falaceibe@yahoo.es
http://www.falaceibe.tk