quarta-feira, setembro 27, 2006

O BIERZO E O IDIOMA GALEGO.


O BIERZO E O IDIOMA GALEGO,
por Xosé Lois García

Para ninguén é novidade que unha boa parte dos habitantes do Bierzo falan galego. E no Bierzo poucos ignoran que este territorio, que era provincia, fora anexionado a León en 1833 polo ministro Javier de Burgos, co pretexto que o engadido era para equilibrar a economía e o territorio leonés.

E desde este momento a referencia que temos sobre a rexión do Bierzo é a perda da súa idiosincrasia, acelerada de tal maneira que agora os bercianos promoven a súa identidade tan personificada no idioma galego. E esta personificación está avalada por unha serie de persoas que traballan en prol da recuperación da súa identidade e que están levando adiante unha serie de publicacións en galego de alto nivel e dunha análise reivindicativa como: Fala Ceibe, Porcoespiño e asociacións que traballan nesta dirección como Xarmenta e outras mais.

Hai poucos días que nunha recepción de Nadal, achegóuseme un amigo natural do Bierzo, xuíz en Barcelona, e cos conceptos demagóxicos da dereita espetoume: "¡Así que o BNG quere anexionar o Bierzo a Galicia..., xa, xa, xa!". Miña resposta: "Así que os que van reformar o estatuto de Castela e León (a dereita) deixan unha cláusula aberta para aqueles territorios que queiran adherirse, sobre todo do País Vasco, que é onde buscan bulla e atizan conflito. ¿Así que Galicia non ten dereito a contemplar o mesmo? Cando no Estatuto de 1936 se di no artigo 2º do Título I, o seguinte: "Poderá agregarse a Galicia calquera territorio límitrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xerais establezan".

Aínda non contento coa miña resposta envieille fotocopia dun artigo que Francisco Giner de los Ríos escribiu en 1884, despois dunha visita ao mosteiro de Santiago de Penalba, facendo a seguinte reflexión sobre o Bierzo: "Perpetuamente verde, nin pola súa situación, nin polo seu clima, nin pola súa raza, nin polos costumes nin por ningunha condición real, en suma, pertence á seca terra castelá, da cal se atopa mellor defendida que de Galicia. Por isto, se non convén volver á organización que por breve tempo tivo esta vella comarca cara ó primeiro tercio do século, en que constituíu unha provincia á parte (uníndolle sen razón abonda outros territorios limítrofes; e se o carácter e usos dos bercianos se atopa aínda certo deixe leonés, parece indiscutible que neles, e máis aínda na topografía da rexión, predomina de tal sorte a afinidade con Galicia, que debe conceptuarse erro o decreto administrativo, por cuxa virtude se atopa incorparada á provincia de León, constituíndo estraña maridaxe co grave, seco, e un tanto bravío habitante da non menos grave, seca e bravía terra de Campos".

A esta realidade captada por un enorme intelectual como foi Giner de los Ríos, hai que ilustrar o panorama do Bierzo con outra opinión actual e feita desde ese territorio e publicada no boletín Porcoespiño, da autoría de Xabier Lago Mestre, que comeza dicindo: "A minoría galegofalante do Bierzo sufre numerosos ataques das institucións de Castela e León. Entre eles salientamos o continuo aprazamento da implantación da materia de lingua galega no ensino regrado". Noutro artigo deste boletín, asinado por Anxo X. Rodríguez Meraio, dise: "Cando falamos de cultura todos pensamos no conxunto que compoen as costumes, carácter, tradición e lingua,... dun determinado grupo de xente. (...) O Bierzo está a vivir unha cultura que non lle corresponde nin por asomo, isto pode soar a chinés para a maior parte dos bercianos que prefiren manterse pasivos diante do engano secular dos que están da outra parte do Manzanal".

Polo tanto, as diversas problemáticas do Bierzo, entre elas a mais substancial, como é a lingua galega que alí se fala, están sendo tratadas con pericia nas que se fundamenta un debate de grande calado institucional para o futuro do Bierzo. Neste contencioso, os galegos debemos opinar ao xeito de Fernando Pessoa, a patria faise común cando o idioma nos é común.

martes, 3 enero 2006

1 Comments:

At 2:37 da manhã, Blogger CELTIUM said...

EL BERCIANO NO ES GALLEGO.NUNCA LO FUE Y NUNCA LO SERA. NO A LA INVASION GALLEGA. NUESTRA HISTORIA ES ASTUR .BIERZO SI PERO LIBRE

 

Enviar um comentário

<< Home