sexta-feira, novembro 10, 2006

GALEGO NO ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE CASTELA-LEÓN

GALEGO NO ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE CASTELA E LEÓN,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A presente reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León estase a tramitar con escaso debate social e certo escurantismo de cara á opinión pública. Isto non pode ser así cando hai temas tan importantes que nos afectan directamente. Neste caso queremos referirnos ao recoñemento estatutario das diversas linguas existentes nesta Comunidade Autónoma.

N´O Bierzo occidental existe o idioma galego dende a Idade Media, así se constata na propia documentación conservada dos nosos mosteiros (Carracedo, Espiñareda, Cruñego de Vilafranca e demáis). Lingua galega que permanece viva na fala popular, a toponimia, a literatura oral, as tradiciois, as festas, a música, as formas máxico-relixiosas, etcétera. Na actualidade o ámbito territorial galego-berciano abrangue 18 concellos, e en menor medida outros 7 que vain dende Peranzais ata Benuza, pasando por Ponferrada, os cales fain de lindeiro oriental.

O idioma galego d´O Bierzo tivo plena vixencia xurídica na Idade Media, pois servíu de soporte lingüístico para formalizar as compra-vendas, os trocos de terras, os foros enfitéuticos, os testamentos, as doaciois, etcétera. Posteriormente foise consolidando a progresiva utilización da lingua castelá, que contou co decisivo apoio das instituciois da Coroa de Castela, a Igrexia e mailo Estado, mentres o galego continuou usándose nas relaciois socio-económicas de carácter non escrito, levadas a cabo polas clases populares no eido rural. Ademáis, a nivel institucional o galego utilízase na práctica diaria do dereito consuetudinario, e isto malia que as ordenanzas concellís estean redactadas en castelao como era preceptivo legalmente.

O vixente Estatuto de Autonomía de Castela e León recoñece expresamente que “gozarán de respecto e protección a lingua galega e mailas modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen” (artículo 4.2). Grazas a este precepto estatutario se autorizou o ensino parcial do idioma galego nos centros educativos d´O Bierzo dende o ano 2002. Sen embargo, curso tras curso, continúa habendo graves problemas na execución dese programa escolar bilingüe, pois algúns centros se resisten a permitir a aprendizaxe deste idioma ao seu alunado. Por iso se fai necesario que a futura reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León recoñeza a obliga de ofertar a materia de galego en todos os centros d´O Bierzo occidental. Só deste xeito o alunado poderá exercer o seu lexítimo dereito a estudar o idioma da súa elección.

O proxecto de Estatuto de Autonomía, que se tramita nas Cortes de Castela e León, concreta que “o leonés será obxecto de protección específica por parte das instituciois polo seu particular valor dentro do patrimonio lingüístico da Comunidade. A súa protección, uso e promoción serán objecto de regulación” (artículo 5.2). Pola outra banda, a referencia ao idioma galego permanece redactada como xa consta no vixente Estatuto de 1999, pero colocada no novo artículo 5.3. Abraia que as dúas linguas minoritarias de Castela e León vaian ter distinta regulación estatutaria, de forma que se prima a protección legal do leonés sobre o galego, o cal ben se pode cualificar de intervención discriminatoria.
As linguas minoritarias de Castela e León, a saber, o leonés, o galego e tamén o éusquero do norte de Burgos e do Condado de Trebiño, merecen un mellor recoñecemento xurídico no Estatuto de Autonomía. Pedimos como mínimo unha protección legal semellante á que se propón no proxecto de Estatuto de Autonomía de Aragón para os idiomas aragonés e catalán, así “unha lei de Cortes de Aragón establecerá as zonas de uso predominante das linguas e modalidades propias de Aragón, regulará o réxime xurídico, os dereitos de utilización dos falantes deses territorios, promoverá a protección, recuperación, ensino, promoción e difusión do patrimonio lingüístico de Aragón, e favorecerá ás zonas de utilización predominante o uso das linguas propias nas relaciois dos ciudadaos coas Administraciois Públicas aragonesas” (artículo 8.2). Con esta nova reforma estatutaria hai que evitar xerarquizar a protección dos distintos idiomas de Castela e León.

Tampouo debemos agachar que a lingua galega d´O Bierzo só poderá acadar o pleno uso xurídico nas administraciois locais (Consello Comarcal, concellos e pedanías) cando obteña o recoñemento de oficialidade. A propia Lei de Bases do Réxime Local regula o uso administrativo dos idiomas oficiais (artículo 14.2), impedindo a utilización normalizada do resto de linguas non oficiais, caso da galega d´O Bierzo na actualidade. Outros idiomas minoritarios do Estado xa teñen conseguido a desexada oficialidade. Estes son os casos do éusquero no norte da Comunidade Foral de Navarra e da lingua aranesa, na recente reforma do Estatut de Catalunya (“a lingua propia deste territorio e oficial en Catalunya”, artículo 6.5 da Lei Orgánica 6/2006, de 19 de xullo).

Por desgraza non parece que a vontade política, representada nas Cortes de Castela e León, sexa favorable a conceder os lexítimos dereitos lingüísticos aos galego-falantes d´O Bierzo mediante o recoñecemento da necesaria oficialidade. Malia este negativo contexto político, non perdemos a espranza en que se poida reforzar o recoñecemento xurídico do idioma galego cando o proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León se tramite nas Cortes Xerais, onde a presenza doutros partidos pode axudar a profundar nun debate lingüístico máis plural.

Ponferrada, noviembre de 2006.
Xabier Lago Mestre, Pte. Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo.