terça-feira, outubro 31, 2006

FALA CEIBE NA 2ª ESCOLA PERMANENTE FERMÍN PENZOL

FALA CEIBE NA 2ª ESCOLA PERMANENTE FERMÍN PENZOL.
falaceibe@yahoo.es

Fala Ceibe participou na Mesa redonda: “Presente e futuro das linguas de Castela-León”, que tivo lugar o sábado 28 de outubro en Vilafranca do Bierzo. Este acto formou parte do programa da 2ª Escola Permanente “Fermín Penzol”, organizada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. A dita mesa estivo formada por Héctor García Xil, profesor da Universidade de León, especialista en asturleonés, Ricardo González Saavedra, Pte. do Consello Comarcal do Bierzo, Felipe Lubián, procurador socialista nas Cortes de Castela-León, Manuel Mañá, Pte. da asociación Xarmenta e Xabier Lago, Pte. de Fala Ceibe do Bierzo.

A intervención de Fala Ceibe comezou coa referencia á consideración dos falantes galego-falantes do Bierzo coma unha minoría etnocultural en Castela-León e en O Bierzo, tanto polo escaso número dos seus membros coma polo pequeno recuncho territorial con lingua propia distinta da castelá. Pero tamén somos minoría lingüística porque hai pouca conciencia social de carácter vindicativo, o que dificulta a reclamación do recoñecemento dos nosos dereitos mediante a axeitada mobilización colectiva.

Para salvar esta desvantaxe a minoría galego-berciana precisa de alianzas estratéxicas con outros grupos. Estes poden incluír as outras minorías lingüística de Castela-León, a saber, os falantes astur-leoneses e éusqueros do condado de Treviño, pero tamén hai que procurar apoios dentro da “irmandade galega”, presente na Comunidade Autónoma de Galiza, ademais das alianzas que poidamos atopar nas organizaciois bercianas (políticas, culturais, ecolóxicas e demais). Pero sobre todo cómpre unha mayor unión entre os colectivos galeguistas d´O Bierzo, precisamos da unidade de acción, para a cal fai falta máis confianza nas nosas posibilidades e menos dependencia dirixista do exterior. Agardamos que esta proposta non caia de novo en saco routo; deixemos pois que os demais colectivos reflexionen sobre o tan repetido dito: “a unión fai a forza”.

Fala Ceibe tamén analizou os posibles eidos de actuación vindicativa. O traballo no ensino é primordial, onde resta moito por facer para consolidar o ensino do galego no Bierzo. Hai que ampliar os centros escolares afectados porque quedan illas, como son os colexios de Carracedelo, A Veiga de Valcarce, Quilous, A Veiga de Espiñareda, Fabeiro, Columbrianos e demais. Temos que incluír máis niveis escolares, ensino de adultos, universidade de vedraños, cursos de concellos, etc. Pretendemos nun futuro conseguir que a oferta da materia de idioma galego sexa obrigatoria para todos os centros educativos do Bierzo occidental.

No eido cultural, a celebración do Día das Letras Galegas é fundamental para vencellar os destinos culturais de Galiza e O Bierzo. A investigación filolóxica, xurídica, histórica e demais debe servir para conocer o noso pasado común. O problema neste sentido é a carencia de medios de comunicación, de difusión a esgalla, que permitan a edición dos nosos traballos en galego.

Os medios de comunicación son fundamentais no labor difusor do noso labor vindicativo en O Bierzo, Castela-León e Galiza, pero nos esixen o uso do castelán de xeito maioritario. A través deles conseguimos que o noso activismo chegue a máis persoas, xa que os nosos medios de comunicación son de alcance moi limitado.

O uso da internet é básica para o activismo de Fala Ceibe. Este sistema de comunicación é de uso minoritario en O Bierzo, salvo entre a mocidade, pero ten grandes expectativas de futuro, por iso hai que tomar xa posiciois na rede, mediante páxinas web, blogs, foros e demais. Temos que intervir máis na internet berciana para galeguizala na medida das nosas escasas posibilidades.

Os entes locais de O Bierzo (Consello Comarcal, concellos, mancomunidades e pedanías) tein moito que facer no tema da recuperación administrativa da lingua galega (recuperación da toponimia, nomes das rúas, rotulación, cartelería...). Pero a vixencia xurídica do galego nestas administracióis só terá lugar cando se consiga o recoñecemento legal do noso idioma minorizado.

A nivel político, a remesa de información galego-berciana aos partidos é básica para que vaian tomando conciencia desta problemática cultural. Así hai que facelo nos concellos, Consello Comarcal, Cortes de Castela-León, Cortes Xerais, Europarlamento, etcétera. Nesta dinámica política xogámonos moito na tramitación da Lei Orgánica de reforma do Estatuto de Autonomía de Castela-León ou do Estatuto do Consello d´O Bierzo. Hai que dar a batalla de contino ata acadar a necesaria oficialidade do idioma galego nalgunha destas devandita leis.

Fala Ceibe botou en falta máis tempo para explicar polo miúdo as nosas estratexias vindicativas, que ben poden ser compartidas polas outras organizaciois galeguistas, aínda que as présas da organización tamén afectaron ao resto de membros presentes na mesa redonda e ao propio público asistente, xa que non houbo case debate final. Por desgraza, neste tipo de actos académicos, séguese dando máis tempo ás intervenciois tradicionais e folclóricas que ao debate fundamental sobre a procura de carreiros vindicativos de interese para o fomento e maila vigorizón da nosas cultura e lingua galegas nos territorios estremeiros da Galiza.

Ponferrada, outubro 2006.

segunda-feira, outubro 23, 2006

ECOS DA BERENGUELA, HAIKUS DO BIERZO

ECOS DA BERENGUELA
HAIKUS DO BIERZO,
XOSÉ LOIS GARCIA

O Bierzo non é o Xapón, mais ten unha paisaxe apaixonada onde a poesía emerxe deses picoutos nevados e deses riachos cantareiros e bulidores que emiten unha imaxe tenra e precisa que sempre nos conmove. O viaxeiro, sempre impresionado e conmovido por estas paisaxes bercianas, intenta, en seus silencios, falar coa natureza e esta sempre lle responde. Este é o caso de María Concepción Hernández, unha canaria de Los Realejos de Tenerife, onde naceu en 1938, Licenciada en Filosofía e Letras pola Complutense e actualmente reside en Tenerife. Nada sei das súas benquerencias co Bierzo, que deben ser moitas, mais si das súas impresións que tan ben expresa nestes seus haikus que sinceramente titula: “Impresións do Bierzo”.

Este libro bilingüe, para nós os galegos, ten unha atracción especial porque o idioma rector é o galego. Esto é moito para terlle que agradecer a unha canaria de encantos mareiros que veña a estas terras para enxergarse nelas, pero ademais capte con toda naturalidade que o idioma do Bierzo é o galego. Seus rexistros están harmonizados nun galego normalizado e de fecunda vitalidade literaria. Non sei se isto lle veu pola súa profesión académica de filóloga ou tubo axuda de outros. Isto en realidade pouco importa. O que si ten moito mérito é a predisposición dunha persoa como María Concepción Hernández que ademais de ser sensíbel co medio explorou os alicerces mais íntimos e as esencias mais lexitimadoras como é a fala galega do Bierzo, cada vez menos falada. Esta parcela lingüística foi plasmada no Estatuto De Autonomía de 1936 e nada comentada no Estatuto de Autonomía de 1980. Agradécese ese recoñecemento ao idioma orixinal do Bierzo que non é outro mais que o galego e atópase en decadencia fronte ao castelán.

Serie Prímula é a editora madrileña que se encargou da publicación de “Impresións do Bierzo”. Aquí exprésase esa comuñón cunha terra tan definida e tan especial como é a berciana. E deste sentimento xurde unha temática difícil, non só pola súa economía poética, senón pola súa filosofía do concreto. María Concepción Hernández propúxose como meta un temario difícil e de raíces orientais. Neste caso, un xa pode ser un bo lector de haikus, penetrar ou imaxinar as preferencias e as alusións do gran Basho que tanto mastigou e dixeriu a paisaxe doutras lonxincuas latitudes ben diferentes ás do Bierzo.

Non é fácil penetrar nunha terra cando non se ten un sentimento profundo por ela. Incluso para comprendela hai que manter confidencias e cando o microcosmos nos fala cos seus silencios. Este principio parece que o mantén con firmeza esta poeta. Aínda que nos pareza que algúns destes haikus están descompensados entre o sentido que lle dá ás cousas e as imaxes que estas emiten nos tres versos. Os haikus sempre tenden a simplificar a mensaxe e se un non comprende a súa misión pode que o hermetismo remate afogándoo.

María Concepción Hernández escolleu unha temática difícil para evocar as terras do Bierzo, que coñece, que ama e que evoca. Hai un interese sentimental profundo e ela escolleu este tipo de versos para harmonizar as imaxes que se lle foron acumulando nos seus interiores e, psicoloxicamente, non é nin moito menos unha aventura e menos un capricho. Hai imaxes tan delicadas e suxerentes que nos leven ao celme mais nítido e venturoso do que a poeta apreciou no Bierzo. Este haiku mantén é unha contundencia sorprendente, tal vez cando a poeta observa as cerdeiras floridas e así responde a estes estímulos: “A velocidade/ as cereixas maduran/ ca augardente”. Ou esta imaxe tan penetrante, delicada e filosófica: “Do vello umeiro/ surxiron mouchos/ plumaxe rosácea”.

“Impresións do Bierzo” conta con catro partes que corresponden ás catro estacións. Todo un temario nada esquecido nos haikus xaponeses nos que se evocan eses cambios cíclicos que producen trocos na paisaxe e estados de ánimo determinado nas persoas.