sexta-feira, setembro 28, 2007

AS MEDIDAS TRADICIONAIS DA REXIÓN BERCIANA

AS MEDIDAS TRADICIONAIS DA REXIÓN BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. de Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

As unidades de lonxitude ben poden ter a súa orixe nas de tipo antropométrico, pola súa relación coas dimensiois do corpo humano. Así temos as derivadas do pé, cóbado, man, dedos, pulgadas, etc. Tamén hai medidas equivalentes a acciois que podían realizar as persoas, é dicir, a distancia percorrida nun día, ou a cantidade de produto que se podía transportar e demais. Outras medidas tiñan que ver cos traballos que facían os animais (bueis, cabalos, mulas...) en colaboración coas persoas (superficie que araban por día...).

Entre as medidas de lonxitude máis importantes atopamos a legoa, equivalente a 5500 m. ou camiño percorrido nunha hora. Ademais do estadal (3.36 m.), a braza (lonxitude dos dous brazos abertos que se traduce en dúas varas). Pola súa banda, a vara é igual a 84 cm. Outras equivalencias son as seguintes: o estadal son 4 varas e a braza son 2 varas. Divisores da vara son o palmo ou a cuarta, igual a 1/4 da vara ou 21 cm. E o furco ou media cuarta, abertura dos dedos índice e medio. A pulgada é a sexta parte do palmo, mídese coa falanxe unllada do dedo pulgar.

Entre as medidas de superficie da rexión berciana salientamos a carga, a fanega, as cuartas, os cuartais e os cuartelos (cuartillo). As equivalencias entre elas son as seguintes: 1 carga representa 4 fanegas, 8 cuartas, 16 cuartais e 192 cuartelos. Outras relaciois poden ser: 1 cuartal equivale a 12 cuartelos, 3 celemíns, 6 medios, 3 medidos, 24 maquilas ou pucheiras dos Ancares. No Bierzo hai cuartais de 436 m2 y ata de 500 m2, segundo a zona.

O traballo nas viñas mensurábase en xornais. Un xornal representa 1/2 cuartal ou a superficie que o xornaleiro cava nun día. A unidade máis empregada era o cuartal que equivalía a 400 m2 no antigo partido xudicial de Ponferrada e a 436 m2 no de Vilafranca, coincidente este último co ferrado da provincia de Lugo. Sen embargo, o ferrado nas provincias de Ourense e de Pontevedra era 628 m2, en A Coruña bailaba entre 444 e 639 m2, en Laciana vai de 600 a 672 m2. Logo temos a relación do carro de abono co cuartal, 1 cuartal equivale a 4 carros de esterco.

No caso dos pradoiros as medidas máis normais son os carros de herba e os balagares ou montois, así 4 balagares igual a 1 carro. Tamén temos as forcadas ou forcados e os feixes, como medidas máis pequenas.

Nas medidas de capacidade hai que diferenciar as de áridos e grans e as de líquidos. Para medir as primeiras temos caixas ou cilindros de madeira. Así temos a maquila, utilizada polo muiñeiro para cobrar o prezo do muiñada. Nalgunhas poboaciois a maquila recibe o nome de cuartilín ou pucheira. O cuartal medía as castañas, trigo, cebada, centeo, millo... A súa capacidade é de 13,58 litros. Os cuartais medíanse a cheas ou a rapas, No primeiro caso, quedaba colmado de todo e, no segundo, enrasado. O cuartal de centeo en gran daba 10 kg, o de trigo 11,5 kg e o de cebada 8 kg. O cuartelo (cuartillo) usábase para a venda de semente de repolo, cebola, pemento... Os derivados dos cuartelos eran os medio cuartelo e o cuartillín (1/4). Tamen xorden outras cunidades como o celmín e o medio. En fin, 1 cuartal son 3 celemíns, 6 medios e 24 maquilas.

Polo que toca á medición de líquidos hai distinción co aceite porque éste era máis caro. Os recipientes que contiñan os líquidos remataron por converterse en unidades de medida. A cántara ou o cántaro teñen unha capacidade de 16 litros. Os seus múltiplos eran o cañado, equivalente a 2 cántaros, e o miedro que representaba 12 cántaros. As divisiois do cántaro eran a media cántara de 8 litros, a cañada ou cuartela (cuartilla) de 4 litros, e o cuartelo (cuartillo) de medio litro. Así, 1 miedro son 12 cántaras, 48 cañadas, 384 cuartelos.

As medidas máis usuais para áridos e líquidos noutras provincias eran: Lugo (ferrado de 13 litros e cuartillo de 0.47 litros, respectivamente), Ourense (ferrado de 13 litros e cántara de 15 litros), León (hemina de 18 litros e cántara de 15 litros) e Asturias (fanega de 74 litros e cántara de 18 litros).

Para a medición de pesos utilizáronse as balanzas, comparando o obxecto dado cun sistema de pesos determinado. A romanización truxo dous modelos de balanzas, a de brazos iguais con dous platos e un sistema de pesas, e a de brazos desiguais ou romana. A pesar destes aparellos, a meirande parte dos produtos medíase por capacidade, por iso se utilizaba o cuarteirón, equivalente a 1/4 de libra, sendo a libra igual a 16 onzas ou 460 gramos. A arroba representaba 25 libras ou 11.5 kilogramos, e o quintal son 4 arrobas ou 46 kg.

Outras medidas son o brazado, capacidade de palla o herba que se pode abranguer entre dous brazos por un home. A mañiza é un brazado xa atado se é de palla e dous brazados se é de herba. O cento e o medio cento utilizábanse na merca de plantois de repolo, col, cebolas, pementos, tomates, leitugas, etc. Estes plantois viñan atados con xuncas ou palla. O furco é unha restra de cebolas ou allos entrelazados, o de cebola son 16 unidades e o de allos 32 unidades. Noutra orde de cousas, lembremos tamén as mediciois que se realizaban a través das quendas de regos de pradoiros, hortas, etc, viceiras de gando maior ou menor, muiñadas e fornos comunais.

Como ben todos sabemos a implantación progresiva do sistema económico capitalista en todo o estado español precisaba da unificación das diversas medidas e, polo tanto, a supresión das tradicionais e rexionais, velaí a imposición do sistema métrico decimal que conservamos na actualidade.

O Bierzo, setembro de 2007.
http://obierzoceibe.blogspot.com
www.ciberirmandade.org/falaceive
www.falaceibe.tk

sexta-feira, setembro 21, 2007

AS GRANDES ÁRBORES DO BIERZO

AS GRANDES ÁRBORES DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A beleza da rexión berciana no seu conxunto, velaí as serras que nos arrodean onde salientan as máis altas montañas, os regueiros e mailos ríos que percorren os nosos vales e comarcas, empecen ás veces ver outras fermosuras non menores. Así, cando nos metemos nun souto, entre tantos castiñeiros, non chegamos a comprender a importancia dos máis vellos exemplares arbóreos. Hoxe descubrimos a súa singularidade da man de Santiago Castelao Diñeiro, autor do libro "Castaños monumentales del Bierzo. Tradición y Cultura" (2007). Este amante da natureza berciana amósanos a súa completa visión de todo o relacionado coa cultura castiñeira.

No seu breve libro, de 95 páxinas, comeza co análise das máis importantes árbores da rexión. Nas súas fotos apreciamos a impoñente altura do castiro O Campano, cos seus 29 metros, sito en Vilar de Aceiro, o impresionandte perímetro do tronco da pena do Subeiro (Gümil), ou a carocha aberta no castañeiro do Mallo (Hermide), e así outros tantos, ata un total que fain 20 exemplares únicos, a cal máis fermoso.

A segunda parte do libro, titulada "El castaño. Tradición e Cultura", entra a tratar de temas varios como son os traballos relacionados coa colleita da castaña. Importantes resultas os seus apuntamentos sobre os aparellos etnográficos, que van dende os piotes ou pisóns ata os trobos, pasando polos bandoxos, baxacas, paneiras, banastas e demais. Non se poden esquecer os sonados magostos. Neste punto festivaleiro o autor aproveita para indicar que "deberiamos fuxir do xogo político que converte esta festa nun medio puramente lucrativo; e rescatar entre todos, a unión sinceira e o carácter desenfadado que caracterizou sempre a esta festa". Continúa Santiago cunha curta relación de refráns castañeiros, da máis sabedoría popular na lingua galego-berciana, como aquela que di "castañas, viño novo e chourizos no mes de Santos son vicios". E tampouco podía faltar o correspondente calendario arbóreo. Outro apartado está dedicado aos instrumentos musicais obtidos do castiñeiro, coa carraca, a gaita e o rombón.

Importantes resultan as liñas reservadas para a couta o castiñeiro. Referímonos a certos aspectos do dereito consuetudinario dos concellos bercianos que fixaban xuridicamente o costume da colleita dos froitos. Incluso é un acerto inserir o texto legal completo do regulamento da recollida da castaña polo pobo de Perexe (1990). Botamos de menos que o autor, con formación xurídica, non profundizase máis noutros aspectos consuetudinarios, casos dos dereitos de voo e de solo, pero entendemos que a brevidade do libriño non permitía eses tratamentos legais.

Segue o texto do libro revisando a mouca dos castiñeiros, os inxertos, as enfermidades propias desta árbore, ou a heráldica da comarca presente nos escudos municipais de Valboa, Benuza, Berlanga e Castropodame. Especiais resultan as páxinas que dedica á arte, ás obras do escultor Domingo González, que como indica o autor logra "sacarlle a alma á madeira de castiñeiro e converter a rutina en beleza". Punto importante constitúe o tratamento culinário da castaña na cociña berciana, croquetas, pasteis, caldos, frans e outros estimulan os paladares máis golosos. Remata o Santi cun apreciado vocabulario galego-berciano relacionado coa cultura castiñeira. De seguro que todos nos sorprenderemos cos significados desas verbas antigas.

Coido que logo de ler este libriño todos os que entremos en calquera dos nosos diversos soutos da xeografía berciana debemos facelo doutro xeito. O texto comentado axudaranos a comprender mellor o peculiar mundo natural que empechan os castiñeiros. Recomendo a quen precise dunha xeira de reflexión penetrar de novo na tranquilidade dun souto. Facer unha calmosa andaina, pisando o mullido manto outoñal, respectando a cadencia das nosas pegadas desfolladoiras. Deixemos que o noso camiñar caviladoiro rache o silandeiro estar do souto. Compartamos sentidamente o noso espazo vital cos seculares castiñeiros e aprendamos deles, dos verdadeiros sobrevivintes de tantos fogos forestais e da deforestación mineira ou ferroviaria.

O Bierzo, setembro de 2007.