quinta-feira, junho 23, 2011

ASOCIACIÓIS BERCIANAS EN DEFENSA DO ENSINO GALEGO.



SOBRE OS PERSISTENTES PROBLEMAS DE INFORMACIÓN Á HORA DE MATRICULARSE NO PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO GALEGO NOS CENTROS EDUCATIVOS DO BIERZO.

A presente nota de prensa sae á luz ante o inminente proceso de matrículas que se vai dar nos centros educativos de todo o Bierzo. Realizamos un chamamento aos alumnos/as e familias con rapaces e rapazas en idade escolar, tanto de Primaria como de Secundaria, para que se informen das vantaxes e beneficios que ofrece o PROGRAMA DE PROMOCIÓN DE GALEGO que se imparte de xeito optativo nos centros de ensinanza da nosa Comarca e que leva xa aplicándose con gran éxito desde o ano 2002. Ante a falta de información existente quixeramos aclarar os seguintes aspectos a ter en conta:

1º Constatar unha vez máis o éxito do Programa do galego no Bierzo cando vai comezar o décimo curso de implantación deste Programa que foi acordado polas dúas Comunidades Autónomas, a de Galicia e Castilla y León. No presente curso, que xa está rematando, están matriculados máis de 1000 alumnos/as bercian@s. É importante destacar que as primeiras xeracións de bercianos que remataron os seus estudos obrigatorios co título que acredita que cursaron dito programa (CELGA) se incorporaron a estudos superiores ou a actividades laborais de xeito notable.

2º Recordar que o éxito deste PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO GALEGO débese a unha necesidade obxectiva existente que a sociedade berciana detectou posto que máis de mil familias, como xa comentamos, ve no mesmo unha oportunidade de reforzar o currículo dos seus fillos/as dadas as vantaxes que ofrece. Os alumnos que o cursan, sen esforzo adicional, rematan cunha titulación a maiores que o resto (os denominados títulos CELGA) que lles abre portas a unha vida laboral futura, ademais de servirlles de reforzo da identidade cultural da nosa comarca.

3º Debemos agradecer de xeito expreso aos mestres e profesores a súa aportación inestimable para superar os obstáculos que a aplicación deste programa supuxo ata o de agora. A pesar do éxito antedito e da demanda que vai en aumento, é evidente que non se atende como é debido por parte da administración sen que iso repercuta no entusiasmo co que se leva a cabo por parte dos alumnos/as e dos seus mestres. Son os docentes do programa os que son obxecto de maior presión que veñen denunciando que se exerce dende algunhas direccións, como se pode comprobar pola denuncia que apareceu na semana pasada en prensa.

4º Facéndonos eco precisamente das denuncias que se realizan por parte do profesorado e denunciamos tamén nós a arbitrariedade coa que actúan algúns Equipos Directivos á hora de realizar o proceso de información para unha nova matrícula nun claro exercicio de manipulación da intención inicial das familias que son dirixidas a desestimar o galego como optativa (por exemplo, nos cambios de etapa de Primaria a Secundaria en centros como o IES Padre Sarmiento) para o que se bota man da autoridade dos cargos que ocupan e faise uso de diversos argumentos falaces e interesados. Esta actitude evidencia unha falta de profesionalidade absoluta que, condicionada polos prexuízos que teñen ante este exitoso programa, mesmo incumpre a legalidade en vigor que obriga a unha información obxectiva pública do dereito que teñen os alumnos e as familias a escoller este programa. Un programa, insistimos, que evidentemente lles vai supor un beneficio como demostran resultados notables e notorios. A non publicidade do programa, a falta de información e o dirixismo xa provocou que no curso de 1º da ESO nos centros onde a súa directiva é contraria ao programa triunfasen no curso pasado estes intereses persoais e ideolóxicos dos directores, a toda vista ilexítimos. Ao incumprir coa legalidade e os consellos, que se teñen recibido nos propios centros de xeito reiterado desde entidades como o Valedor do Pobo, cremos que se está impedindo un dereito e poñendo trabas á liberdade de opción que permite a lei educativa vixente.

5º Quixeramos denunciar á vez a pasividade da administración educativa ( Dirección Provincial de educación que coordina este programa no Bierzo) que, polo de agora, non ten actuado coa dilixencia e eficacia que se debe ante as reiteradas denuncias que se veñen cursando neste sentido, tanto por parte dos profesores do Programa, como de entes e colectivos que estamos a favor da divulgación do mesmo, porque constitúe un atentado ao dereito a beneficiarse de matricularse neste Programa que consideramos un enriquecemento persoal e colectivo para os cidadáns do Bierzo tanto para os que usamos o galego de xeito natural e como lingua propia do Bierzo como para os que desexan aprendela.

6º Solicitamos que se poña fin a esta situación inxustificada de pasividade por parte da administración implicada. Reclamamos que se vixíe o proceso e que se garanta unha información veraz e obxectiva ante o inminente proceso de matriculación que se vai realizar nestes días con medidas como a inspección directa da oferta que se realiza,o control dos sobres de matrícula, así como a colocación da información visible, específica e pertinente da existencia do programa de galego nos centros e lugares onde se xestionan ditas matrículas. Reclamamos que se impida nos distintos centros educativos do Bierzo de feito que os Equipos directivos, teñan a opinión que teñan ao respecto do Programa, non interveñan de xeito efectivo á hora de que unha familia escolla a opción que máis lle interese ao seu fillo/a.

Concluímos esta nota esixindo unha actuación máis limpa e menos manipuladora, que permita a información abertamente do Programa de Promoción do Galego e das súas vantaxes, que a opción sexa realmente coñecida pola totalidade dos alumnos/as do Bierzo e as súas familias especialmente cando están a realizar as matrículas correspondentes ao próximo curso escolar.



O Bierzo, 23 de xuño de 2011.
Asinan esta nota:
Asociación Cultural ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA DO BIERZO
Asociación Berciana da Lingua XARMENTA.
Asociación Cultural FALA CEIBE
Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO.